Numerosas actividades en febreiro para celebrar o Día da Muller e a Nena na Ciencia 2024

Vigo TecnolóxicoActualidadeNumerosas actividades en febreiro para celebrar o Día da Muller e a Nena na Ciencia 2024
Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia

Os centros de Vigo Tecnolóxico súmanse á celebración do 11 de febreiro con actividades durante todo o mes

Como cada mes de febreiro, a Universidade de Vigo ten preparadas para os vindeiros días unha chea de actividades para a celebración do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, que será o vindeiro 11 de febreiro.

As diferentes propostas, que van desde obradoiros a feiras divulgativas ou coloquios, están impulsadas principalmente polas propias docentes e investigadoras, os centros de investigación, as facultades e escolas da UVigo, así como pola Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i), en colaboración coa FECYT, e a Unidade de Igualdade.

atlanTTIC: Conectando en igualdade, a transformación do futuro tecnolóxico

O centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación programou para o 22 de febreiro a segunda xornada do ciclo “Conectando en igualdade”. Tras unha primeira edición celebrada o pasado mes de decembro e na que cinco enxeñeiras falaron das súas experiencias, esta segunda sesión estará centrada na intelixencia artificial e as cuestións relativas á igualdade nese ámbito. O evento terá lugar o xoves 22 de 11:00 a 13:30 h na sala 1 do Edificio Miralles e tamén se poderá seguir en directo en UVigo TV. Cómpre inscribirse na web de atlanTTic.

CINTECX: cámara aberta ás mulleres STEM

O Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais convida a investigadoras e estudantes a contar a súa experiencia nunha “cámara aberta”, un espazo no que poderán relatar as súas experiencias, desde a etapa escolar á súa carreira científico-tecnolóxica. Os materiais rexistrados serán difundidos en formato vídeo coa fin de contribuír a fomentar as vocacións científicas entre as estudantes de secundaria e bacharelato. Será entre o 14 e o 16 de febreiro en horario de 9 a 15 h no propio CINTECX.

 

Elas fan CienTec

Este programa de obradoiros para rapazas de educación secundaria chegará á súa oitava edición o vindeiro 8 de febreiro. Organizado por docentes e investigadoras da Universidade de Vigo, xunto coa Unidade de Cultura Científica e da Innovación e a Unidade de Igualdade, contará con catro centros educativos da provincia de Pontevedra. Entre as actividades que se realizarán, na Escola de Enxeñaría Industrial haberá obradoiros de termografía infravermella e de deseño e prototipado; na Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía terán lugar o concurso grupal «The Wall», a xincana «The She-Cience Games: Catching Fire» e unha actividade de recoñecemento de minerais; e na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación as actividades programadas son “Detectives de imaxes”, programación dun xogo con Scratch e introdución á programación web e o seu funcionamento.

Mulleres enxeñeiras de éxito

Ademais de todas estas actividades, a Escola de Enxeñería Industrial, en colaboración coa Unión de Asociacións de Enxeñeiros Técnicos Industriais e Graduados en Enxeñería da rama industrial de España, presenta unha iniciativa que ten como obxectivo visibilizar a figura da muller enxeñeira e fomentar as disciplinas STEM entre as nenas a través dunha exposición itinerante. Presentarase o 1 de febreiro ás 11:00 horas no Salón de Actos da EEI-Sede Campus e a exposición poderase ver durante o mes de febreiro na Escola de Enxeñería Industrial (do 1 ao 14 na Sede Campus e do 15 ao 29 na Sede Ciudad da Rúa Torrecedeira).

Máis actividades e certames alén dos centros de Vigo Tecnolóxico

Dentro de Elas fan CienTec, haberá tamén actividades no CINBIO e no CACTI. Ademais, xa o venres 2 de febreiro terá lugar no edificio Redeiras unha charla interxeracional na que catro investigadoras da UVigo compartirán experiencias. O Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM) entregará os premios da segunda edición do concurso Marie Tharp, dirixido a mulleres investigadoras predoutorais e posdoutorais. Taméns se entregarán proximamente os premios GirlGeekPower, da Cátedra de Feminismos 4.0 Deputación de Pontevedra – Universidade de Vigo. Ademais, ao longo da primeira quincena do mes investigadoras da universidade ofrecerán máis de medio centro de charlas en centros educativos galegos.

 

Instaurado pola Asemblea Xeral da Organización das Nacións Unidas en decembro de 2015, o Día Mundial da Muller e a Nena na Ciencia é promovido pola UNESCO e ONU Mulleres en colaboración con institucións e outros actores da sociedade civil que teñen como obxectivo promover o papel das mulleres e das nenas na ciencia. Para facer fronte aos desafíos que presenta a Axenda para o Desenvolvemento Sostible resulta imprescindible sumar todos os talentos, polo que a participación das mulleres e as nenas na ciencia debe ser unha prioridade.

Programa completo en PDF: aquí
Máis información en: Duvi  | CINTECX | atlanTTic | EE Industrial