O 25º Congreso de Traballos Colaborativos volve pór en valor a capacidade innovadora do alumnado

Vigo TecnolóxicoActualidadeO 25º Congreso de Traballos Colaborativos volve pór en valor a capacidade innovadora do alumnado
25 Congreso de Traballos Colaborativos

Imaxe: Duvi

O 25º Congreso de Traballos Colaborativos volve pór en valor a capacidade innovadora do alumnado

Presentáronse 13 proxectos de ámbitos como a saúde, medio ambiente ou mobilidade

O Congreso de Traballos Colaborativos acaba de pechar a súa vixésima quinta edición. Son xa 25 citas nas que alumnado de diferentes titulacións do campus vigués puxo en común  os seus coñecementos para desenvolver proxectos innovadores de utilidade social. Esta foi a primeira das dúas edicións que se celebrarán este curso, e tivo lugar na sede campus da Escola de Enxeñaría Industrial. Foron 13 os traballos presentados, deseñados por 125 estudantes de seis titulacións de grao (Enxeñaría Mecánica, Enxeñaría en Tecnoloxías Industriais, Enxeñaría en Organización Industrial, Enxeñaría Eléctrica, Química e Dereito) titorizados por 12 docentes.

Coordinaron o congreso os profesores Lucía Díaz Vilariño, Diego Campos Juanatey e José Luis González Cespón, que contaron co voluntariado de 30 estudantes para desenvolveren distintas tarefas. O alumnado que se involucra neste programa traballa en grupos interdisciplinares durante varios meses. Así, ao contar cada grupo con integrantes de distintas titulacións, poñen en común coñecementos complementarios para aportar solucións a retos da sociedade.

No acto de apertura estiveron presentes José Fariña, director da Escola de Enxeñaría Industrial; Xanel Vecino, subdirectora de Alumnado e Relacións Institucionais; e os cordinadores Lucía Díaz Vilariño e Diego Campos Juanatey. Canda eles, José Antonio Alonso Rodríguez, quen exerceu durante anos como coordinador do evento xunto ao profesor José Luis González Crespón.

As propostas da 25ª edición

Trala apertura comezou a exposición dos proxectos, que abordan ámbitos tan distintos coma mobilidade, medio ambiente, saúde ou mobilidade. Dous dos grupos ollaron cada a vida universitaria, pois un deles centrouse en analizar a ergonomía dos asentos das aulas de escolas e facultades e outro presentou un sistema de bicicletas eléctricas para o campus de Torrecedeira.

Tres grupos traballaron en torno á saúde: as solucións presentadas foron un dispositivo sensorial para mellorar a estimulación cognitiva das persoas con Alzhéimer, un sistema de comunicación para pacientes que non poden falar tras unha intervención bucal e un sistema de reparto de medicamentos con drons pensando en zonas do rural sen farmacia preto. Ademais, presentouse un sistema de navegación intelixente para persoas con discapacidade visual.

Outro traballo foi unha plataforma colaborativa para unificar a axuda cidadá en mellorar a coordinación entre persoas, entidades caritativas e institucións públicas de Vigo.

Para combater a sinistralidade viaria presentáronse un sistema de detección de presenza de animais salvaxes nas estradas e ConectaDog, un modo de conectar persoas que desexen apadriñar, acompañar e pasar tempo cun can, pero sen necesitade de compromiso permanente.

No ámbito puramente tecnolóxico, ParkNow, sistema para optimizar o aparcamento gratuíto na vía pública. Para combater a contaminación  mariña pensouse na adopción de condutas responsables en combinación co aproveitamento das correntes naturais para capturar os residuos superficiais.

Tamén se presentaron un sistema de iluminación intelixente en zonas de baixa visibilidade e o proxecto VixiaLuz, que desenvolve unha solución tecnolóxica accesible para saber cal é o consumo eléctrico real de cada punto dunha vivenda.

O congreso rematou coa entrega de diplomas e a intervención do profesorado que participou na iniciativa.

Máis información

Duvi

25 Congreso de Traballos Colaborativos