O 26º Foro Tecnolóxico de Emprego amplía o foco ao alumnado de Formación Profesional 

Vigo TecnolóxicoActualidadeO 26º Foro Tecnolóxico de Emprego amplía o foco ao alumnado de Formación Profesional 
Parte do equipo responsable da 26 edición do Foro Tecnolóxico de Emprego co alcalde, Abel Caballero

Imaxe: Parte do equipo responsable da 26 edición do Foro Tecnolóxico de Emprego co alcalde de Vigo, Abel Caballero Álvarez (Duvi)

O 26º Foro Tecnolóxico de Emprego amplía o foco ao alumnado de Formación Profesional 

Volverá contar co patrocinio do Campus Vigo Tecnolóxico 

Está case todo preparado para a próxima edición do Foro Tecnolóxico de Emprego, cuxa 26ª edición terá lugar o 24 e o 25 de febreiro. Este pasado martes, nunha xuntanza co alcalde de Vigo, Abel Caballero Álvarez, a organización anunciou, ademais, a ampliación do foro a alumnado de ciclos formativos de Formación Profesional. Neste encontro celebrado no Concello de Vigo animaron a toda a xente moza da cidade, estuden enxeñaría ou non, a achegarse ás escolas de enxeñaría do Campus Vigo Tecnolóxico nesas datas. Estes centros serán un punto de encontro entre o talento que está a piques de incorporarse ao mercado laboral e as empresas na procura de profesionais. 

De parte da organización asistiron á xuntanza co alcalde o coordinador xeral, Juan Pontón; a coordinadora de comunicación, Antía Rodal; a coordinadora de organización, Andrea Vicente; e a coordinadora de marketing, Belén Puente. Aclaran que as empresas están a buscar non só profesionais da enxeñaría, senón perfís diversos. 

Adaptado ás necesidades do alumnado 

Sinalan que o foro dá a oportunidade de falar cunha chea de empresas, e incluso ver cousas descoñecidas ata agora para a maioría do público. Haberá actividades que van da visita a postos de empresas aos talleres formativos, tanto de carácter técnico como máis xerais sobre orientación laboral. 

Juan Pontón anima ás persoas que van asistir a non seren retraídas, a preguntar ás empresas e deixar os seus currículos. Lembra que haberá mesas redondas con responsables de recursos humanos de varias compañías, que darán pé a tratar as expectativas da parte do alumnado en conxunción coa realidade do mercado laboral. Volverá unha edición máis o speed recruiting, formato breve de entrevistas con empresas. 

Como non, fíxose especial fincapé en que o foro é, desde a súa fundación, unha iniciativa de estudantes e para estudantes, polo que está perfectamente adaptado ás necesidades do alumnado para facilitarlle a transición ao mundo laboral. 

Caballero pon en valor o talento tecnolóxico vigués 

O alcalde Abel Caballero agradeceu o labor desenvolvido edición tras edición e comprometeu o apoio do concello non só a esta iniciativa, senón a todas aquelas que poidan xurdir no futuro para conectar o talento tecnolóxico coa cidade. “Estamos xa na 26 edición do foro, o que significa que cando isto arrancou eu estaba activo na Universidade, eran os meus tempos de catedrático de Economía”, subliñou Caballero, quen aproveitou a ocasión para resaltar o papel do foro como lugar de encontro “no que pór en contacto a excelencia formativa da Universidade cos principais axentes sociais, as empresas”. 

Caballero falou tamén do “excepcional talento tecnolóxico” presente en Vigo, poñendo en valor  a capacidade que hai na cidade para desenvolver tecnoloxía. Como exemplos, sinalou a fábrica de chips fotónicos cuxa primeira pedra se colocou hai poucos días, un proxecto que xurdiu na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación. 

Máis información 

Duvi

Foro Tecnolóxico de Emprego