O asistente Celia de atlanTTic, premio Amtega ao mellor proxecto TIC con beneficios sociais

Vigo TecnolóxicoActualidadeO asistente Celia de atlanTTic, premio Amtega ao mellor proxecto TIC con beneficios sociais
O asistente Celia de atlanTTic

Imaxe: atlanTTic

O asistente Celia de atlanTTic, premio Amtega ao mellor proxecto TIC con beneficios sociais

Diego Cajaraville, distinguido como mellor expediente académico do Mestrado en Enxeñaría de Telecomunicación

Os premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información veñen de anunciar as distincións de 2024. Entre elas, o Premio Amtega ao mellor proxecto TIC con beneficios sociais, que recae en Celia, a intelixencia artificial de conversa desenvolvida por atlanTTic para afrontar a soidade non desexada. Ademais, tamén se anunciou o Premio ao mellor expediente académico no mestrado en Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo (curso 2023/2024).

IA para afrontar a soidade non desexada

Celia é unha intelixencia artificial ideada para persoas maiores que non viven acompañadas. Ten un dobre enfoque emocional e sanitario: á parte de acompañar e entreter, supervisa diferentes aspectos da saúde. Por exemplo, a través da análise da linguaxe é capaz de detectar anomalías, e activa alertas sobre doenzas neurolóxicas e mentais. O proxecto está liderado polo profesor e director do Grupo de Tecnoloxías da Información (GTI) Francisco Javier González Castaño. Botou andar hai case seis anos co obxectivo de desenvolver unha metodoloxía de acompañamento terapéutico intelixente para persoas maiores ou con demencia en estados iniciais. Desde o pasado mes de decembro pódese probar gratuitamente, previo rexistro, na súa web oficial, como chatbot de WhatsApp, aplicación propia ou aplicación web.

Desde o Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, entidades impulsoras dos galardóns, indican que o xurado destaca que se trata dun proxecto de gran utilidade social, sobre todo nunha sociedade cada vez máis envellecida, na que a soidade é un problema crecente. Ademais, engaden, ofrece “un asistente de saúde para mellorar a calidade de vida e axudar ao diagnóstico precoz de problemas de saúde mental”. Trátase dun premio auspiciado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.

Mellor expediente

A organización tamén publicou o premio Mellor expediente académico do Mestrado en Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo, que para o curso 2023-2024 recae en Diego Cajaraville Aboy, quen actualmente investiga no Information & Computing Lab, tamén parte de atlanTTic.

 


O palmarés da edición de 2024 complétase co galardón para Alfredo Ramos, director de R e MásOrange en Galicia, egresado da Universidade de Vigo e distinguido como Enxeñeiro do Ano; para o Museo Didáctico das Telecomunicacións da Coruña, que recibe o premio Socio de Honra; e para a Universidade de Santiago de Compostela, na que recae o premio Axians á entidade galega que aposta polo desenvolvemento de infraestruturas intelixentes de telecomunicacións 2024.

Os premios entregaranse o vindeiro día 20 durante a XXVIII Noite das Telecomunicacións e da Sociedade da Información no Gran Hotel da Toxa baixo o lema “30.954: conexión total para vivir”, co que se pretende salientar os esforzos realizados para levar a banda larga ás máis de 30.000 entidades de poboación da comunidade autónoma, así como a posta en marcha doutras tecnoloxías como o 5G, as estratexias avanzadas en ciberseguridade ou a conexión vía satélite.


Máis información

Duvi 
atlanTTic
Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2024
Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia
Grupo de Tecnoloxías da Información (GTI)
Celia