Imaxe: Raquel Pérez Orozco, investigadora do CINTECX e docente da EEME; María Pazo Rodríguez, investigadora do CINTECX e enlace de igualdade da EEME; Brian Rodríguez Torres, gañador do segundo premio do concurso; Amanda Franco Sardinha, investigadora do CINTECX e Mariola Norte, enlace de igualdade e responsable de comunicación de CINTECX (Duvi)
Fotografía en Minas e Enerxía para visibilizar o traballo das mulleres na industria offshore
O acto de entrega de premios Mulle.RME complementouse coa exposición itinerante Mulleres Investigadoras CINTECX-AIMEN
Continúan este marzo os actos organizados a raíz do Día Internacional da Muller no Campus Vigo Tecnolóxico. No día de onte, a Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía entregou os premios do concurso fotográfico Mulle.RME. Esta iniciativa busca, desde 2019, dar visibilidade ás mulleres nas profesións técnicas, principalmente naqueles eidos relacionados coas titulacións do centro: enxeñaría de minas, materiais e enerxía.
Nesta ocasión o primeiro premio, de 300 euros, foi para a imaxe de Philip Walter Swenson e Andrea Vidal Rivera A muller na industria offshore I. Os autores agradeceron a distinción desde Estados Unidos mediante unha gravación en vídeo. O segundo premio, cunha dotación de 150 euros, recibiuno a instantánea Camiños por picar, de Brian Rodríguez Torres, alumno da propia escola, quen recolleu o diploma no mesmo acto. Esta imaxe mostra unha muller percorrendo a mina Blue Stone, en Richelsdorf, lugar que reflicte a dureza da minaría a “amosa como a forza bruta era sinónimo de calidade”.
O anuncio dos gañadores tivo lugar no mediodía deste martes no vestíbulo da escola, nun acto no que María Pazo Rodríguez, investigadora do Cintecx e enlace de Igualdade da EEME, destacou a necesidade de seguir construíndo sociedades máis xustas nun contexto global complexo. Pazo tamén fixo referencia ao lema escollido pola UVigo para a celebración do Día Internacional das Mulleres, “Xeracións en simbiose: unidas polos nosos dereitos”, e subliñou a importancia da cooperación e o diálogo entre xeracións de mulleres como motor de cambio social, así como na importancia de crear espazos de encontro e apoio mutuo.
O xurado encargado de elixir as fotografías gañadoras estivo composto por María Pazo Rodríguez, enlace de Igualdade da EEME; Paula Vega Carracedo, representante do estudantado dos graos; Miguel Martínez Conde, representante do alumando dos mestrados e Moisés Cordeiro Costas, como representante do PDI.
A exposición itinerante Mulleres Investigadoras Cintecx-Aimen chega á EEME
No mesmo acto inaugurouse na escola a exposición itinerante Mulleres investigadoras CINTEX-AIMEN, proxecto que reúne ilustracións, fotografías, testemuños e frases inspiradoras de 27 investigadoras de ambos os dous centros.
A mostra chega logo a Minas e Enerxía logo do seu paso pola sede campus da Escola de Enxeñaría Industrial. O seu propósito é visibilidade ao traballo destas profesionais e ofrecer referentes que contribúan a motivar as novas xeracións e a promover unha ciencia libre de estereotipos. No acto interviñeron dúas das investigadoras da escola que participan neste proxecto: Amanda Franco Sardinha e Raquel Pérez Orozco, ambas as dúas do Grupo de Tecnoloxía Enerxética e investigadoras do CINTECX.
Máis información



