O Foro Tecnolóxico de Emprego pon a punto a súa XXIV edición

Vigo TecnolóxicoActualidadeO Foro Tecnolóxico de Emprego pon a punto a súa XXIV edición
O equipo do XXIV Foro Tecnolóxico de Emprego

Celabrarase do 5 ao 7 de marzo

A comezos do vindeiro mes de marzo, o Foro Tecnolóxico de Emprego, que cada ano pon en contacto as futuras e futuros profesionais da enxeñaría co sector empresarial e que conta co apoio do Campus Vigo Tecnolóxico, celebra unha nova edición. O foro, creado por e para estudantes, contará con actividades nas tres escolas de enxeñaría do Campus Vigo Tecnolóxico. Así, os postos das empresas estarán nos vestíbulos das escolas de Enxeñaría de Minas e Enerxía e de Enxeñaría Industrial, e tamén nos corredores que unen Minas e Enerxía coa Escola de Enxeñaría de Telecomunicación. A organización ten, ademais, a intención de concentrar nesta última as actividades tales como relatorios, obradoiros e Speed job dating. Nas conferencias as empresas darán conta do seu funcionamento e dos seus últimos avances, e as persoas interesadas poderán entregar os seus currículos ao persoal de recursos humanos.

Desde a organización, Carlota Cañamero, coordinadora xeral e estudante do Máster en Enxeñaría de Telecomunicación, sinala como principal novidade desta edición o aumento de capacidade, “impulsado polo entusiasmo das empresas en participar neste evento”, e a incorporación de firmas do sector sanitario. Era unha demanda específica de estudantes de Enxeñaría Biomédica, que desde o curso 2018-2019 se imparte na Escola de Enxeñaría Industrial. Cañamero forma parte dun equipo composto por máis de 70 persoas, estudantes das tres escolas de enxeñaría, con 18 integrantes que coordinan as diferentes áreas, tales como tesourería, infraestruturas, conferencias, comunicación ou web.

Máis de 40 empresas

 

A día de hoxe, a participación das empresas está xa pechada. Serán 41, e entre as habituais dos últimos anos volven ao foro BorgWarner, Centum, Cortizo, Gradiant, Imatia, Marine Instruments, Optare, PwC ou Televés. Incorpóranse outras novas, entre as que están Coren, Grupo Tragsa, Naturgy ou Navantia. A coordinadora xeral sinala que todas elas “son líderes tecnolóxicos que abarcan os sectores IT, a construción, o automóbil e o sanitario”, e que, a pesar de engadir oito novos postos, varias empresas interesadas en participar tiveron que quedar fóra. Para Carlota Cañamero, que leva catro anos participando na organización do evento en diferentes cargos, o rol de coordinadora xeral constitúe un “inmenso reto”, e coida que ser escollida para este desempeño é unha oportunidade para “desenvolver actividades de xestión para a futura traxectoria profesional”.

 

Máis información:
Duvi

Foro Tecnolóxico de Emprego