Imaxe: un instante da inauguración do DCETIP26 (Duvi)
O futuro da investigación en enerxía, tecnoloxía e procesos industriais dáse cita no congreso DCETIP26
Trátase dun evento organizado polo CINTECX e que conta co patrocinio do Campus Vigo Tecnolóxico
As próximas xeracións de investigadoras e investigadores participan desde onte no DCETIP26 (Doctoral Conference in Energy, Technology and Industrial Processes), un congreso sobre enerxía, tecnoloxía e procesos industriais que o CINTECX, centro de investigación que forma parte do Campus Vigo Tecnolóxico, organiza por primeira vez. Son un cento de persoas, tanto estudantes de doutoramento coma recentemente doutoradas e tamén profesionais, as que se dan cita na Escola de Enxeñaría Industrial dentro deste novo congreso con vocación internacional que pretende impulsar o novo talento científico.
Durante estas dúas xornadas de onte e hoxe, as persoas participantes están a presentar os seus traballos e a compartir experiencias nun contexto pensado para facilitar o diálogo entre investigadoras e investigadores emerxentes e persoal científico de traxectoria internacional. Promóvese así a creación de redes de colaboración e de futuras iniciativas conxuntas, ademais da transferencia do coñecemento cara aos sectores produtivos.
Inauguración de dúas xornadas que servirán para crear conexións
No acto de inauguración, celebrado no salón de actos da sede campus da Escola de Enxeñaría Industrial, Ángeles Sanromán Braga, directora do CINTECX, quixo recoñecer a participación de conferenciantes invitados, procedentes de universidades e centros de investigación de Portugal, Italia, Suecia, Polonia, Brasil e Estados Unidos.
O vicerreitor de Transferencia, Innovación e Impacto Social, Rafael Comesaña Piñeiro, puxo en valor a iniciativa do CINTECX de xerar un espazo de oportunidades para que este novo talento investigador poida estreitar colaboracións e construír o seu futuro. Pola súa banda, o concelleiro Jaime Aneiros, responsable da área de goberno de Orzamentos e Facenda da corporación municipal viguesa, subliñou a importancia que o DCETIP26 ten para Vigo, que considera “unha cidade que aposta de forma decidida polo fomento da investigación”. Tamén participaron na inauguración o director da Escola de Enxeñaría Industrial, José Fariña Rodríguez, e a directora da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, Elena Alonso Prieto.
Un encontro con vocación internacional
Durante as dúas xornadas que dura o congreso o programa científico estará estruturado en seis áreas temáticas, que comprenden desde solucións enerxéticas innovadoras a tecnoloxías avanzadas aplicadas aos procesos industriais.
Participan relatores e relatoras internacionais de prestixio, como Sergi García-Segura, da Arizona State University; Ana Leite Oliveira, investigadora do CBQF – Centre for Biotechnology and Fine Chemistry da Universidade Católica Portuguesa; Carmelo D’Agostino, da Universidade de Lund; Gherhardt Ribatski, da Universidade de São Paulo; Dominique Scalarone, da Universidade de Turin; e Vítor Monteiro, do Centro Algorith da Universidade do Minho.
Ademais do patrocinio de Universidade de Vigo e do Campus Vigo Tecnolóxico, DCETIP26 tamén conta co do Consello Social da Universidade de Vigo, da Escola Internacional de Doutoramento (EIDO), da Cátedra BorgWarner, do Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia, da Deputación de Pontevedra e da empresa Amavilab.
Con esta primeira edición do DCETIP, o CINTECX, centro colaborativo da rede CIGUS de centros de investigación de excelencia, reforza a súa aposta por atraer talento científico de primeiro nivel e consolidar un foro internacional de referencia para a investigación emerxente.
Máis información



