O Grao en Enxeñaría da Enerxía, primeiro da UVigo con selo de excelencia

Vigo TecnolóxicoActualidadeO Grao en Enxeñaría da Enerxía, primeiro da UVigo con selo de excelencia
Un grupo de estudantes da EEME nunha viaxe de estudos a unha empresa do sector

Imaxe: Un grupo de estudantes da EEME nunha viaxe de estudos a unha empresa do sector (Duvi)

O Grao en Enxeñaría da Enerxía, primeiro da UVigo con selo de excelencia

Recoñece a calidade docente e a elevada inserción laboral das persoas egresadas

O Campus Vigo Tecnolóxico obtén un novo recoñecemento á calidade da súa oferta académica: o Grao en Enxeñaría da Enerxía, impartido na Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, converteuse no primeiro da Universidade de Vigo en obter o selo de excelencia da Xunta de Galicia. Esta distinción recoñece o alto nivel académico, docente e investigador das titulacións do Sistema Universitario de Galicia (SUG), así como a súa capacidade de resposta ás demandas actuais da sociedade.

A concesión desta distinción trae consigo una aportación económica de 360.000 euros para os vindeiros 6 anos (60.000 por anualidade) que se destinan ao impulso de accións de mellora e innovación docente na titulación. A propia Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía (EEME) recibiu tamén recentemente o distintivo de empregabilidade da UVigo o distintivo Gal Ego pola súa promoción da lingua.

Recoñecemento e tamén compromiso

Elena Alonso Prieto, directora da escola, ve a consecución desta nova distinción coma o froito do traballo realizado por toda a comunidade do centro, incluído a profesorado, PTXAS e alumnado xunto á colaboración de persoas egresadas, empresas, entidades e asociacións profesionais. Alonso salienta tamén o valor que ten o selo para dar visibilidade ao papel de persoas tituladas pola escola no actual contexto de transición enerxética, cuxo labor é clave para responder a “un dos retos máis importantes que temos como país”. Supón, ademais, un compromiso por manter os resultados que permitiron a obtención do propio selo e por acadar unha serie de obxectivos específicos a conseguir nos vindeiros anos.

A consecución do selo de excelencia implica tamén novos compromisos. Entre os obxectivos que foron comprometidos, a creación dun Plan de Innovación Docente para a titulación, orientado a reforzar as competencias dixitais, incrementar a formación práctica e aplicada e fomentar a resolución de problemas e casos reais.

Elena Alonso explica que a posta en marcha deste plan implicará unha maior colaboración con persoas egresadas, empresas e entidades do sector enerxético, ademais dun maior fincapé na formación do profesorado e na mellora dos recursos vinculados á docencia.

Un grao e tres mestrados con selo de excelencia na UVigo

Desde a Vicerreitoría de Titulacións e Innovación Educativa, Alfonso Lago valora este logro coma o resultado do bo traballo realizado desde a escola. Salienta que este selo supón un recoñecemento para a titulación en diferentes eidos; desde o deseño do proceso de ensinanza-aprendizaxe ata a internacionalización, os sistemas de avaliación ou a inserción laboral das persoas egresadas.

O Campus Vigo Tecnolóxico conta con outra titulación co selo de excelencia da Xunta de Galicia, o Máster Interuniversitario en Matemática Industrial, coordinado pola Universidade de Santiago de Compostela e no que participan a UVigo, UDC, Universidad Carlos III e Universidad Politécnica de Madrid, con docencia na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación. Outros dous másteres impartidos na UVigo contan con el: o Máster Universitario en Tradución para a Comunicación Internacional e o Máster Interuniversitario en Biotecnoloxía Avanzada.

Máis información

Duvi