O Grupo de Tecnoloxía Aerospacial de atlanTTic (ATRG) participará no seguimento da misión Artemis II

Vigo TecnolóxicoActualidadeO Grupo de Tecnoloxía Aerospacial de atlanTTic (ATRG) participará no seguimento da misión Artemis II
Operadores do grupo ATRG na estación de seguimento de satélites na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación

Imaxe: operadores do grupo ATRG na estación de seguimento de satélites na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación (Duvi)

O Grupo de Tecnoloxía Aerospacial de atlanTTic (ATRG) participará no seguimento da misión Artemis II

A primeira data dispoñible para o lanzamento desta misión da NASA é o vindeiro 1 de abril

A axencia espacial estadounidense, NASA, confirmaba oficialmente o pasado martes que o 1 de abril será a primeira data dispoñible para o lanzamento desde o Centro Espacial Kennedy, en Florida, de Artemis II, a primeira misión lunar tripulada desde 1972.

Esta misión, que marcará o regreso dunha tripulación humana ás proximidades da Lúa, contará coa participación do Grupo de Tecnoloxía Aeroespacial (ATRG) do centro de investigación atlanTTic do Campus Vigo Tecnolóxico. Será a través da cooperación establecida coa empresa tecnolóxica española Integrasys, seleccionada pola NASA para realizar tarefas de seguimento terrestre da cápsula Orion desta misión. Durante a viaxe, a cápsula emitirá sinais de radio en banda S que poden actuar como un faro ou latexo electrónico. Fernando Aguado Agelet, catedrático da Universidade de Vigo e director de ATRG, explica que este sinal será captado polas antenas da UVigo e de Integrasys.

Xunto á Universidad de Sevilla, Integrasys foi a única firma española seleccionada para liderar a monitoraxe do sinal da nave nesta fase. É unha empresa con sede en Las Rozas (Madrid) especializada en enxeñaría e fabricación de sistemas avanzados para a monitorización, obtención de intelixencia e control do espectro espacial. Conta con delegacións en Estados Unidos e Luxemburgo, entre outros países.

Referencia en enxeñaría aeroespacial a nivel internacional

Persoal experto da UVigo e de Integrasys analizará o sinal da cápsula Orion captado polas antenas da universidade grazas ao principio do efecto Doppler: “do mesmo xeito que o son dunha sirena cambia de ton cando unha ambulancia se achega ou se afasta, a frecuencia do sinal da Orion varía segundo o seu movemento. Ao medir con extrema precisión estes cambios de ton no sinal de radio, os especialistas poderán determinar a posición exacta”, explica Manuel Diz Folgar, investigador do grupo ATRG.

O equipo de operadores da UVigo traballará ininterrompidamente durante os dez días da misión para procesar os datos, un labor de seguimento técnico “vital para asegurar que a nave se mantén na ruta prevista pola NASA durante a súa viaxe de ida e volta”, sinala Fernando Aguado.

A fiabilidade no seguimento terrestre da misión Artemis II é unha prioridade absoluta para a NASA e paso previo a volver pisar a superficie lunar. Integrasys e as universidades de Vigo e Sevilla afrontarán o desafío garantindo unha rede de soporte capaz de monitorear a nave na súa traxectoria de retorno libre arredor da Lúa.

Fernando Aguado considera que participar nesta misión tripulada “valida a excelencia técnica acadada en Galicia”, pois a capacidade de interpretar o efecto Doppler en sinais de banda S para localizar unha nave a miles de quilómetros “sitúa á universidade e á empresa Integrasys no nivel máis alto da enxeñaría aeroespacial internacional”.

Máis información

Duvi

Cobertura do lanzamento de Artemis II en NASA.gov en español