Imaxe: Enrique Granada, Pablo Eguía e Miguel González cun dos dispositivos (Duvi)
O Grupo de Tecnoloxía Enerxética do CINTECX monitoriza a calidade do aire no Álvaro Cunqueiro
O sistema pretende mellorar a precisión e a predición en sistemas de calidade do aire
O principal hospital da área sanitaria de Vigo, o Álvaro Cunqueiro, foi o escenario escollido para a proba e validación dunha innovadora tecnoloxía desenvolvida polo Grupo de Tecnoloxía Enerxética do CINTECX, o Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais do Campus Vigo Tecnolóxico. Os primeiros resultados deste proxecto piloto foron totalmente satisfactorios, confirmando o bo funcionamento deste novo sistema nunha contorna de alta esixencia.
Está financiado con 390.000 euros a través do programa Ignicia da Xunta de Galicia e foi realizado en colaboración coa área sanitaria de Vigo, S.C Novo Hospital de Vigo e Veolia. A súa posta en marcha responde á busca de novas tecnoloxías que axuden a transformar datos ambientais en información útil para mellorar a xestión dos edificios e o benestar das persoas.
Posibilidades de mellora para un sistema que funciona correctamente
Esta experiencia piloto desenvolveuse na sala de espera das consultas externas do complexo hospitalario. Neste espazo despregáronse case 40 dispositivos capaces de recoller datos cada cinco minutos en más de 80 puntos de control. Deste xeito conseguiuse obter unha imaxe precisa do comportamento ambiental do espazo.
Os datos foron recollidos ata o mes de abril e amosan un funcionamento estable e coherente cos parámetros de calidade do aire e estándares dun hospital de vangarda. Así, as temperaturas medias foron de 23,5 °C en xaneiro e 24,0 °C en xullo, mentres que a humidade relativa foi do 46,9% e o 60,9%, respectivamente. En canto á calidade do aire, os niveis medios de dióxido de carbono mantivéronse en 618 ppm no inverno e 630 ppm no verán, valores que indican unha ventilación e calidade do aire óptima.
Alén das cifras, o sistema permitiu identificar oportunidades de mellora en aspectos como a homoxeneidade térmica ou o control da humidade, co que queda demostrada a súa utilidade non só para detectar incidencias, senón tamén para optimizar aquelas instalacións que xa están a funcionar correctamente.
Un contexto altamente esixente
Un dos aspectos importantes do proxecto é o propio contexto no que se desenvolve, pois o Álvaro Cunqueiro presenta unha infraestrutura con altos estándares en ventilación e climatización. Por iso, explica o catedrático da UVigo Enrique Granada, líder do proxecto, este piloto constitúe unha proba especialmente esixente.
A validación desta tecnoloxía nun edificio que funciona correctamente é un reto maior que facelo en espazos con eivas evidentes. E neste caso, o obxectivo non é a corrección de fallos básicos, senón demostrar que é posible conseguir unha análise máis precisa, con capacidade preditiva e novas ferramentas de xestión.
Canda a Enrique Granada, completan o equipo de traballo o tamén catedrático Pablo Eguía Oller e o emprendedor Miguel González Maquieira, cofundador de diferentes proxectos tecnolóxicos. Con esta nova tecnoloxía poñen sobre a mesa unha nova xeración de sensores autónomos de baixo custo con algoritmos avanzados capaces de analizar a evolución espacial e temporal de variables como a temperatura, a humidade ou o CO2.
Máis información



