O grupo En.Edi e o centro vasco Leartiker modernizan a pesca costeira do bonito

Vigo TecnolóxicoActualidadeO grupo En.Edi e o centro vasco Leartiker modernizan a pesca costeira do bonito
O investigador Enrique Riveiro durante a demostración do proxecto Tics-Bonito na xornada realizada na Escola de Enxeñería Industrial

Imaxe: o investigador Enrique Riveiro durante a demostración na xornada realizada na Escola de Enxeñería Industrial (Duvi)

O grupo En.Edi e o centro vasco Leartiker modernizan a pesca costeira do bonito

Persoal investigador da EEI colaborou co centro tecnolóxico vasco

O grupo de investigación de Enxeñería Eficiente e Dixital, En.Edi, da Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo, xunto co centro tecnolóxico vasco Leartiker, especializado en tecnoloxía de polímeros, acaban de presentar os resultados finais do proxecto Tics-Bonito, Tecnoloxías intelixentes para a pesca sostible do bonito. Este traballo achega unha serie de solucións tecnolóxicas para reducir o esforzo dos pescadores e mellorar un proceso de pesca moi arraigado. Este proceso leva usándose sen cambios durante décadas en embarcacións de toda a costa cantábrica, con movementos e ferramentas moi estudados e optimizados durante décadas de “saber facer” pola xente do mar.

Mellorando unha das artes pesqueiras máis respectuosas coa contorna

Os investigadores do grupo En.Edi da Universidade de Vigo, co profesor Julio Garrido Campos como líder, desenvolveron varias propostas de soporte para as canas empregadas na pesca costeira. O obxectivo foi introducir distintos niveis de automatización e axuda ergonómica para mellorar as condicións de traballo e a eficiencia do proceso. A pesca costeira é unha arte moi respectuosa coa contorna, xa que é unha actividade selectiva: recóllese cada unha das pezas de bonito sen afectar a outras especies e eliminando descartes. Con todo, este proxecto puido achegar melloras que fan esta modalidade máis atractiva e segura, tanto para armadores coma para o persoal de abordo.

O equipo de Blanca Lekube Gazagaetxeberria, investigadora de Leartiker, encargouse de obxectivar a pesca de altura de túnidos no Atlántico e o Índico, e de desenvolver un Dispositivo Concentrador de Peixes (DCP ou FAD na súa terminoloxía inglesa) a partir de polímeros biodegradables que permitan reducir o impacto ambiental dos materiais plásticos utilizados actualmente.

Para contar coa opinión das futuras persoas usuarias, mantivéronse reunións con responsables da confraría de Getaria, principal porto pesqueiro desta modalidade no Cantábrico. Deste xeito foise modulando o proceso de deseño dos prototipos. Estes consistían, esencialmente, nun sistema de soporte para cada cana empregada neste tipo de pesca. Nesta modalidade empréganse canas de 5 a 6 metros de longo e sen carrete. Así que o seu manexo supón un esforzo considerable por parte dos pescadores.

Avaliación dos prototipos

Os prototipos resultantes foron xa sometidos a unha primeira avaliación durante o mes de febreiro por parte de integrantes da confraría e embarcacións de Getaria. Alí se desprazaron tanto os prototipos coma o persoal de En.Edi e de Leartiker. Estes prototipos validáronse satisfactoriamente en porto (a veda impide a saída neste momento) e os responsables da confraría probaranos durante a tempada de pesca o vindeiro mes de xuño.

Ata o de agora a caracterización científica do comportamento do bonito tras a picada é escasa. Estas probas permitirán, pois, abordar un mellor modelado deste comportamento grazas a un rexistro dixital dos datos de cada captura. Isto debería contribuír a unha optimización do proceso de detección de picada e izado, que poderán ser ademais empregados para a optimización de procesos similares como o de pesca automática con carrete.

Xornadas de transferencia

Paralelamente organizáronse xornadas de transferencia en Markina e Vigo para presentar os resultados. Os prototipos dos FAD resultantes están a ser avaliados na batea de Mutriku (País Vasco) e tamén serán validados en condicións reais proximamente.

Na xornada de transferencia, levada a cabo na sede da Escola de Enxeñaría Industrial do campus de Vigo, as persoas asistentes puideron observar in situ o funcionamento dos prototipos desenvolvidos, con vídeos que xa están dispoñibles na web. Canda a algúns dos membros do grupo En.Edi involucrados no proxecto (Enrique Riveiro, Uxía Pérez, Paula Gil, Diego Silva e Julio Garrido), participaron algunhas das empresas que apoian regularmente ao grupo no desenvolvemento dos seus proxectos, como Esypro, Ibercisa ou Vicalsa.

O proxecto, enmarcado no programa Pleamar, está financiado con case 300.000 euros. Está impulsado pola Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico e cofinanciado polo Fondo Europeo Marítimo de Pesca e de Acuicultura (FEMPA).

Máis información

Duvi
En.Edi
Programa Pleamar
Leartiker