O grupo GTA de atlanTTic participa no proxecto Optimas de comunicacións seguras

Vigo TecnolóxicoActualidadeO grupo GTA de atlanTTic participa no proxecto Optimas de comunicacións seguras
Proxecto Optimas: integrantes do grupo GTA

Imaxe: integrantes do grupo GTA (Duvi)

O grupo GTA de atlanTTic participa no proxecto Optimas de comunicacións seguras

Está deseñado para operar en constelacións de satélites

Optimas é un proxecto europeo para desenvolver un sistema avanzado de comunicacións ópticas en espazo libre para aplicacións de defensa multidominio. Busca proporcionar comunicacións de transferencia de datos de alta velocidade cun nivel de seguridade excepcional, que integrará tecnoloxías de cifrado de última xeración, como a distribución de claves cuánticas (QKD). Está liderado por monodon, a área de innovación de Navantia, e conta coa participación da Universidade de Vigo, a través do grupo de Tecnoloxía Aeroespacial, GTA, de atlanTTic, o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación do Campus Vigo Tecnolóxico.

Este proxecto marcará un fito no desenvolvemento de sistemas de comunicación láser aerotransportados, pois proporcionará comunicacións seguras e de alta velocidade. Deséñase para operar en constelacións de satélites con aplicacións para unidades espaciais, aéreas (drons), navais e terrestres.

O demostrador final do proxecto centrarase en lograr comunicacións ópticas bidireccionais, seguras e de alta velocidade. Permitirá capacidades avanzadas de apuntamento, adquisición e seguimento de satélites en órbitas terrestres baixas (low Earth orbits, LEO). Tamén se explorarán as aplicacións en órbitas medias (medium orbits, MEO) e órbitas xeoestacionarias (geostationary orbits, GEO), ampliando o alcance e as posibilidades do sistema.

Un consorcio europeo con liderado español

O proxecto desenvólvese no marco do programa de traballo 2023 do Fondo Europeo de Defensa (EDF, European Defence Fund), consolidando a cooperación internacional en innovación tecnolóxica para a defensa.

Baixo a coordinación de monodon de Navantia participan como socios españois, xunto á Universidade de Vigo, o Centro de Láseres Pulsados, CLPU, Tecnobit-Grupo Oesía, o Instituto de Astrofísica de Canarias e o grupo Sener. Os outros socios europeos son Cailabs (Francia), GMVIS Skysoft SA (Portugal), Mbryonics Limited (Irlanda), Odysseus Space SA (Luxemburgo), Reflex Aerospace GMBH (Alemaña) e Schiebel Elektronische Geraete GMBH (Austria).

Optimas posiciónase así como un proxecto clave no avance das comunicacións láser ciberseguras, consolidando a colaboración europea e o liderado tecnolóxico da Universidade de Vigo no ámbito da defensa multidominio.

Máis información

Duvi