Imaxe: algúns dos editores do libro, do grupo LaserON: Mohamed Boutinguiza, Félix Quintero, Jesús del Val e Antonio Riveiro (Duvi)
O grupo LaserON edita un libro sobre as tecnoloxías láser aplicadas á fabricación
Laser Based Manufacturing ten os seus alicerces na dilatada traxectoria do grupo de investigación
LaserON, grupo de investigación pertencente ao CINTECX, o Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais do Campus Vigo Tecnolóxico, vén de editar o libro Laser Based Manufacturing. A obra ofrece unha visión ampla e actual das tecnoloxías de fabricación que se basean no emprego do láser. Este volume está publicado pola prestixiosa editorial internacional CRC Press, do grupo Taylor & Francis, dentro da colección Advanced Materials Processing and Manufacturing.
Sete investigadores e numerosas achegas internacionais
Achegan as súas contribucións sete investigadores vencellados ao grupo LaserON: Juan Pou, Fernando Lusquiños, Mohamed Boutinguiza, Félix Quintero, Antonio Riveiro, Rafael Comesaña e Jesús del Val. Libro recolle a experiencia científica acumulada polo grupo durante máis de 30 anos investigando o procesamento de materiais mediante láser, e tamén froito da colaboración con investigadores e institucións de referencia internacional.
Juan Pou, coordinador de LaserON, explica que traballaron para que a obra reúna os fundamentos das principais tecnoloxías de fabricación mediante láser e algúns dos avances máis recentes neste campo. Entre os centros que participaron na elaboración dos diferentes capítulos figuran o Fraunhofer Institute for Material and Beam Technology (Alemaña), o Laser Zentrum Hannover (Alemaña), o Advanced Manufacturing Research Center da University of Sheffield (Reino Unido), a Ruhr-Universität Bochum (Alemaña), a KU Leuven (Bélxica), a Universitat de Barcelona ou a Leibniz Universität (Alemaña).
Dos procesos convencionais ás técnicas máis recentes
Durante 15 capítulos, Laser Based Manufacturing trata tanto os fundamentos físicos da interacción entre a radiación láser e os materiais como as principais tecnoloxías utilizadas actualmente na industria. Entre elas, o corte, a soldadura, o recubrimento de superficies, a fabricación aditiva e o marcado mediante láser.
Este libro dedica tamén unha atención especial a tecnoloxías máis avanzadas, como a transferencia de materiais inducida por láser, a polimerización mediante absorción de dous fotóns, a fabricación de nanofibras e a síntese de nanopartículas. Así, as aplicacións cubertas van desde os procesos convencionais de fabricación industrial á obtención de materiais e estruturas a escala micro e nanométrica. Ademais, inclúe capítulos dedicados á modelización dos procesos, os avances tecnolóxicos máis recentes e á sustentabilidade.
A publicación está dirixida principalmente a persoal investigador, profesionais e estudantes de enxeñaría con interese en tecnoloxías láser e as súas aplicacións industriais. Constitúe tamén un recoñecemento á traxectoria do grupo LaserON, con décadas de investigación no procesamento de materiais mediante láser e numerosas publicacións científicas, patentes, proxectos de investigación e colaboracións con empresas e centros de investigación nacionais e internacionais.
Máis información



