O papel da tecnoloxía para a igualdade, a debate con atlanTTic

Vigo TecnolóxicoActualidadeO papel da tecnoloxía para a igualdade, a debate con atlanTTic
Xornada "Conectando en Igualdade" no atlanTTic da UVigo

O Centro de Investigación en Tecnoloxías de Comunicación do Campus Vigo Tecnolóxico (atlanTTic) organiza o vindeiro martes, 12 de decembro, a xornada “Conectando en igualdade: a transformación do futuro tecnolóxico”. Será a primeira dun ciclo de conferencias e coloquios ao redor desta temática. O obxectivo primordial é concienciar á sociedade sobre a necesidade de que a tecnoloxía tome en consideración a inclusividade, o feminismo e a diversidade.

Esta primeira sesión estará centrada nos ámbitos aeronáutico e espacial. Celebrarase na sala 1 do Edificio Miralles do Campus de Vigo, e poderá seguirse en directo desde as 11 h a través de Uvigo TV.

O evento arrincará coa presentación a cargo de Martín Llamas Nistal, director de atlanTTic, e a representación por parte da Uvigo, a Unidade de Igualdade e da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación. Seguidamente, comezará unha mesa redonda coas seguintes participantes:

― Cristina Cuerno Rejado, catedrática da UPM e directora da Escuela Técnica Superior de Ingeniería Aeronáutica y del Espacio (ETSIAE) da UPM.

―Elena Beatriz Martín Ortega, coordinadora do Máster universitario en Enxeñaría Aeroespacial da Uvigo.

―Yanina Hallak, CEO e co-fundadora de UARX Space.

―Laura Rodríguez Rodríguez, enxeñeira de telecomunicación de UVigo e Airbus Defence and Space.

―Uxía García Luis, investigadora do grupo GTA de atlanTTic e primeira doutora en Enxeñaría Aeroespacial pola Uvigo.

Moderará o debate Edita de Lorenzo Rodríguez, enlace de igualdade de atlanTTic na Universidade de Vigo.

 

O Distintivo de Igualdade

 

atlanTTic súmase este ano á lista de centros que mereceron o Distintivo de Igualdade da Uvigo. Este tipo de xornadas son unha das actividades de fomento da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes que se promoven cos fondos asignados.

Está previsto que esta xornada teña continuación con outras sesións centradas noutros ámbitos da enxeñaría.

 

Fontes: Duvi e atlanTTic