O Plan Complementario de Comunicacións Cuánticas de Galicia acada un retorno de máis de 10 M€

Vigo TecnolóxicoActualidadeO Plan Complementario de Comunicacións Cuánticas de Galicia acada un retorno de máis de 10 M€
Jesús Mª Salvador, Carmen Cotelo, Manuel Reigosa e Marcos Curty na apertura do encontro do PCCC

Imaxe: Jesús Mª Salvador, Carmen Cotelo Queijo, Manuel Reigosa Roger e Marcos Curty Alonso na apertura do encontro  (Duvi)

O Plan Complementario de Comunicacións Cuánticas de Galicia acada un retorno de máis de 10 M€

Principiou en 2021 cun investimento de 9,6 millóns

Este mércores celebrouse a conferencia final do Plan Complementario de Comunicacións Cuánticas de Galicia (PCCC) instrumento creado polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades en colaboración coa Xunta de Galicia e dotado dun orzamento de 9,6 millóns de euros. Permitiu colocar a comunidade galega nunha posición de referente nacional e internacional en investigación e innovación en tecnoloxías cuánticas.

O encontro celebrouse no paraninfo do edificio Ernestina Otero do campus de Vigo e contou coa participación do reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa e a directora da Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia, Carmen Cotelo, xunto con Jesús María Salvador, representante do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, e o catedrático da Universidade de Vigo e investigador de atlanTTic Marcos Curty, director científico do Vigo Quantum Communication Center e coordinador en Galicia deste plan.

Durante o acto expuxéronse os numerosos avances conseguidos desde 2021, cando se puxo en marcha a iniciativa. O retorno estimado supera os 10 millóns de euros, cifra que se agarda que medre considerablemente no futuro. Entre as iniciativas completadas, a maior liña de comunicación cuántica de España (e unha das maiores de Europa), que se puxo en marcha entre Vigo e Santiago de Compostela. Tamén se crearon tres laboratorios experimentais coa última tecnoloxía e proximamente despregarase unha estación óptica para comunicacións cuánticas vía satélite. Será tamén pioneira no país.

O balance foi moi positivo por parte de todos os relatores; “unha iniciativa ao abeiro da cal se están marcando fitos moi relevantes”, para a directora de GAIN, quen puxo en valor o apoio decidido do goberno galego á vez que manifestou que a partir de agora é o tempo de manter a posición de liderado e incrementar as colaboracións. O representante do ministerio concordou en que o balance é “tremendamente positivo”. Salientou que os Plans Complementarios de Comunicación Cuántica foron dotados dun financiamento total de 57 millóns de euros, dos que 9,6 lle corresponderon a Galicia.

Infraestruturas pioneiras

Marcos Curty, director do Vigo Quantum Communication Center, adscrito a atlanTTic, o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación do Campus Vigo Tecnolóxico, explicou que os tres laboratorios experimentais, situados na Universidade de Vigo, están altamente equipados: un está destinado a comunicación cuánticas por fibra óptica, outro a comunicacións cuánticas por espazo libre e vía satélite, e o terceiro é específico para cuestións de hackeo e certificación de tecnoloxías de comunicacións cuánticas.

Sobre a nova liña de comunicación cuántica despregada entre Vigo e Santiago de Compostela, Curty destacou que se trata dunha tecnoloxía revolucionaria para crear e distribuír claves de cifrado de xeito absolutamente seguro e con múltiples aplicacións prácticas: desde a protección de infraestruturas críticas, como redes ata a seguridade de transaccións bancarias, pasando por datos de saúde da cidadanía. Foi desenvolta por investigadores do Centro de Supercomputación de Galicia, Cesga, co asesoramento do Vigo Quantum Communication Center Vigo da UVigo. En canto á nova estación óptica terrea para comunicacións cuánticas vía satélite, situada tamén na UVigo, Curty adiantou que  se porá en marcha nunhas semanas e permitirá a conexión coas principais misións europeas e internacionais de satélites cuánticos, como Eagle-1 e SAGA, liderados pola Axencia Espacial Europea. Trátase tamén dunha infraestrutura pioneira en España.

Atracción e retención do talento investigador en Galicia

A posta en marcha do plan en Galicia permitiu ademais investir en persoal altamente cualificado, facilitando a contratación de máis de 25 investigadores, 16 na propia Universidade de Vigo.

A contratación de todo este persoal, de maneira conxunta co talento do que xa se dispuña en Galicia, permitiu concorrer con éxito a diversas convocatorias de investigación nacionais e europeas e asinar contratos con empresas por un valor superior aos 10 millóns de euros. Neste tempo publicáronse, ademais, máis de 60 publicacións en revistas científicas, 45 delas realizadas por investigadoras e investigadores da Universidade de Vigo.

Marcos Curty puxo en valor o enorme esforzo feito para atraer talento, e o seu desexo de que este empeño se manteña e intensifique. “Temos o talento, temos as infraestruturas, agora precisamos ter medidas que nos permitan reter ese talento en Galicia”, afirmou.

Máis información

Duvi

Plan Complementario de Comunicacións Cuánticas

CESGA