O proxecto AQUA SUB de transformación dixital do ciclo da auga gaña o CINTECX Challenge 2026

Vigo TecnolóxicoActualidadeO proxecto AQUA SUB de transformación dixital do ciclo da auga gaña o CINTECX Challenge 2026
Responsables do proxecto AQUA SUB, gañador do CINTECX Challenge 2026

Imaxe: Sergio Chapela, Tatiana Hortelano e David Fernandes co equipo de dirección de CINTECX, Alejandro Gómez e Ángeles Sanromán (CINTECX)

O proxecto AQUA SUB de transformación dixital do ciclo da auga gaña o CINTECX Challenge 2026

Permite optimizar deseño e operación de procesos de tratamento de augas en condicións reais

CINTECX, o Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais do Campus Vigo Tecnolóxico, celebrou o pasado día 23 o CINTECX Challenge 2026, a súa convocatoria anual para o desenvolvemento de proxectos de I+D colaborativos entre o persoal investigador do centro. Unha vez máis, o auditorio do centro foi un espazo de encontro para o intercambio de ideas, a presentación de avances científicos e a defensa de novas propostas.

Modelos subrogados para simulacións complexas

Na apertura do evento, M.ª Ángeles Sanromán, directora do centro, destacou como este se converteu nunha plataforma de impulso a novos proxectos dun xeito interdisciplinar e orientados á resolución de desafíos tecnolóxicos reais. É o caso do proxecto que resultou gañador, Desenvolvemento dun marco metodolóxico para modelos subrogados baseados en simulacións avanzadas aplicado a sistemas de tratamento de augas (AQUA SUB). O seu propósito é desenvolver unha tecnoloxía que permita a creación de modelos subrogados, unha ferramenta dixital que actúa como unha versión simplificada, pero moi precisa, dunha simulación complexa. Deste xeito poden obterse resultados case equivalentes aos de cálculos computacionais moi custosos pero en menos tempo, coa consecuente vantaxe á hora de deseñar e optimizar procesos en contornas reais.

A proposta está liderada por David Fernandes del Pozo (do grupo de investigación Biosuv) e Sergio Chapela (do grupo GTE).

O proxecto, que terá un ano para a súa execución, obtén un financiamento de 10.000 euros. A súa relevancia está avalada pola Directiva Europea 2024/3019, que promove a transición das depuradoras tradicionais cara instalacións de recuperación de recursos hídricos máis eficientes e sostibles. Foi seleccionado trala evaluación do tribunal formado polos membros do Comité Asesor Científico do CINTECX: Manuel Andrés Rodrigo Rodrigo, da Universidad de Castilla La Mancha; Leopoldo Gracía Franquelo, da Universidad de Sevilla; e Salvador Ivorra Chorro, da Universitat d’Alacant.

Progreso dos proxectos gañadores en 2025

Tres foron os proxectos seleccionados na edición precedente: Eco-NanoxCat, liderado por Antía Fernández Sanromán (Biosuv) e Pablo Pou (LaserOn), avanzou na creación de novos nanomateriais capaces de descontaminar a auga e producir enerxía limpa.

O proxecto Gal-Bayes, dirixido por Mario Soilán (GeoTech) e María Pazó (Gessmin), aplicou modelos de linguaxe de grande escala para xeración automática de modelos causais que permitan comprender e anticipar fenómenos de eutrofización. Probado no encoro das Conchas, o método acadou un 90% de precisión respecto ao coñecemento experto e reduciu en máis do 90% o tempo de elaboración de modelos.

Finalmente, TraconRoc, coordinado por Ignacio Pérez Rey (Gessmin) e Aránzazu Pintos (Encomat), avanzou no estudo do comportamento da rocha en condicións extremas. O equipo desenvolveu dispositivos experimentais capaces de reproducir altas presións semellantes ás de profundidade, permitindo estudar con precisión a interacción entre rocha e fluído.

Máis información

CINTECX

Duvi