Imaxe: parte do equipo de investigadores implicados no proxecto, pertencentes ao Grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas (Duvi)
O proxecto Moveo propón solucións dixitais para mellorar o sistema de transporte europeo
Aborda estradas, ferrocarrís, mobilidade activa, transporte portuario e vías navegables interiores
A Universidade de Vigo está entre os socios do proxecto Moveo, Intelligent framework for inclusive and seamless transport infrastructure and mobility services, ou “Marco intelixente para unhas infraestruturas de transporte e uns servizos de mobilidade inclusivos e fluídos”, coordinado pola empresa Centro de Estudios de Materiales y Control de Obra S.A.
Este proxecto implica entidades de nove países para traballar no deseño de infraestruturas de transporte e mobilidade máis eficientes, seguros e sostibles dende o punto de vista ambiental. Pola UVigo traballa en Moveo o grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas (TF1). Á fronte do equipo está Joaquín Martínez Sánchez, investigador do CINTECX, Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais do Campus Vigo Tecnolóxico e docente da Escola de Enxeñaría de Enerxía de Minas e Enerxía
Martínez Sánchez explica que hoxe en día o sector do transporte experimenta unha rápida evolución, cunha demanda de infraestruturas e servizos cada vez máis eficientes, seguros e sostibles. Entre os principais desafíos están a falta de integración entre infraestruturas e modos de transporte, a escasa accesibilidade e seguridade e o seu elevado impacto ambiental. Moveo aposta polo deseño dun marco intelixente escalable que fomente a integración entre infraestrutura e medios de transporte grazas ao uso de tecnoloxías dixitais de vangarda. O equipo do proxecto traballa con infraestruturas a nivel multimodal, incluíndo elementos de estrada (urbano e interurbano), ferrocarril, mobilidade activa (ciclistas ou patinetes eléctricos), transporte portuario e vías navegables interiores.
Seguridade, accesibilidade e inclusión
A duración do proxecto é de 42 meses. Conta cun orzamento de 5,7 millóns de euros, 594.375 para a Universidade de Vigo. Xunto coa institución viguesa, neste consorcio hai socios de nove países (Grecia, Italia, Lituania, Polonia, Alemaña, Dinamarca, Francia, Suíza e España). Entre eles, varias universidades, como a Universidade de Ciencias Aplicadas de Zurich, o Politécnico de Milano ou a TU Dinamarca, así como centros tecnolóxicos como o Institute of Communication and Computer Systems e varias empresas. Por parte da UVigo, o equipo está formado, ademais de polo profesor Martínez, polos investigadores Belén Riveiro, Pedro Arias, Henrique Lorenzo, Mercedes Solla e Lucía Díaz Vilariño.
Os obxectivos son optimizar a xestión de activos, mellorar a capacidade multimodal e reducir as emisións, todo iso priorizando a seguridade, a accesibilidade e a inclusión. Moveo baséase en cinco piares: avaliación e redeseño de infraestruturas, inspección e monitorización, mobilidade dixitalizada, loxística intelixente e inclusión e accesibilidade. Todo isto apoiándose en áreas de Innovación Tecnolóxica (IT) que, en conxunto, melloran tanto as infraestruturas como os modos de transporte.
Afrontando os desafíos da mobilidade moderna
A metodoloxía do proxecto está baseada nun enfoque de co-creación, involucrando activamente os interesados ao longo do proxecto a través dun Consello Asesor Externo (EAB, External Advisory Board). Este enfoque fomenta a innovación integrando diversas perspectivas dentro do marco de quíntupla hélice (academia, industria, goberno, sociedade civil e medio ambiente). Moveo xunta experiencia de nove países europeos, e une toda a cadea de valor no transporte e na dixitalización.
Na procura destas solucións de transporte sostibles e competitivas que aborden os complexos desafíos da mobilidade moderna, o consorcio emprega tecnoloxías dixitais como intelixencia artificial, computación no borde (edge computing), xemelgos dixitais, internet das cousas (IoT), aprendizaxe federada, visión por computador e ferramentas de ciberseguridade para mellorar a colecta de datos en tempo real e o mantemento preditivo das infraestruturas.
O paquete de traballo que desenvolve o equipo da UVigo céntrase en dous aspectos principais: por unha banda, ferramentas de monitorización da mobilidade baseadas en IA e, por outra, o desenvolvemento de modelos preditivos para a xestión dos activos da infraestrutura dende un punto de vista estrutural.
O proxecto contempla cinco demostradores que se van empregar para probar as súas solucións tecnolóxicas en Suíza, Italia, Francia e Lituania, consistentes nun novo hub de transporte urbano, mellora de infraestruturas multimodais, dixitalización do tráfico rodado e ferroviario, mantemento intelixente de infraestruturas portuarias, transporte por vías navegables interiores con baixas emisións e operación portuaria intelixente e mellora de navegabilidade e conexións multimodais.
Máis información



