O seguimento da misión Artemis II, un “cambio de paradigma” para o Grupo de Tecnoloxía Aeroespacial

Vigo TecnolóxicoActualidadeO seguimento da misión Artemis II, un “cambio de paradigma” para o Grupo de Tecnoloxía Aeroespacial
Investigadores do grupo ATRG durante o seguimento da misión Artemis II

Imaxe: Investigadores do grupo ATRG durante o seguimento da misión (Duvi)

O seguimento da misión Artemis II, un “cambio de paradigma” para o Grupo de Tecnoloxía Aeroespacial

ATRG captou os sinais de banda S da nave Orion

Este último sábado 11 de abril ás 2:07 da madrugada, hora peninsular española, remataba a misión espacial Artemis II: tras 10 días nos que percorreron 1.117.659 quilómetros, os catro astronautas que a protagonizaron amerizaron no Pacífico. Foron os humanos que máis lonxe viaxaron no espazo, ademais de ser os primeiros en observar algunhas zonas da cara oculta da lúa.

A misión rematara xa unhas horas antes para o persoal do Grupo de investigación de Tecnoloxía Aeroespacial (ATRG) da UVigo. Concretamente, foi ás 9:54 da mañá, hora española, o momento do último sinal recibido desde a nave, antes de que esta iniciase a súa reentrada á noite, explica Fernando Aguado Agelet, director do grupo de investigación.

A misión comezara o 1 de abril, día do lanzamento, con non menos emoción. O investigador Manuel Diz Folgar relata como seguiron atentamente desde o laboratorio o despegue do foguete SLS, e como se soltaban as súas distintas etapas. Foi ás 3:54 da mañá cando viron por primeira vez o sinal da misión Artemis II. “foi unha tolemia e unha celebración incrible. Significaba que o traballo e o esforzo dos últimos meses por fin se materializaran”, relata.

Traballando con sinais do espazo profundo

ATRG, pertencente a atlanTTic, o centro de investigación en tecnoloxías da Telecomunicación do Campus Vigo Tecnolóxico, encargouse durante 10 días do seguimento terrestre da cápsula Orion. Durante a misión, esta cápsula emitiu sinais de radio en banda S que actuaron como un latexo electrónico, captado polas antenas da UVigo e Integrasys, empresa coa que o grupo de investigación estableceu un acordo de cooperación.

Para o persoal de investigación do Grupo de Tecnoloxía Aeroespacial a experiencia foi “tremendamente enriquecedora”, pois permitiu pór en práctica a súa capacidade para traballar e recibir sinais en órbitas de espazo profundo, como é o caso desta misión, que viaxou á Lúa e regresou. Foi a primeira vez que participaron nunha misión desas características.

O reto esixiu axustar parte da antena para poder optimizar a recepción do sinal; de paso, abriulles a mente e puxo sobre a mesa novas ideas para futuras misións no espazo profundo. De aí que valoren a posibilidade de adquirir novos equipos, como antenas de maior tamaño. En ATRG non dubidan en referirse a esta misión como “un cambio de paradigma” para este grupo de investigación.

Manexando Terabytes de información diaria

Durante os 10 días da misión gravaron parte do espectro radioeléctrico que se atopa nas frecuencias de banda S. Implica capturar o sinal puro xunto con moitísimo ruído, o que se traduce nun enorme volume de datos.

Anteriormente calcularan que xerarían uns 2 Terabytes de datos diarios, o que suporía uns 20 durante toda a misión. Finalmente, grazas ao emprego de estratexias automatizadas e ao uso de compresión, puideron reducir toda esa información a uns 10 Terabytes. De feito, aínda continúan a clasificar, comprimir e enviar todos eses datos a Integrasys.

Un dos avances polos que se senten máis impresionados é a comunicación directa entre naves (neste caso entre Orion e a Estación Espacial Internacional) sen necesidade de triangular coa Terra, “un avance tan grande que xa podemos falar de telefonía espacial”. Aguado agradece a todo o equipo o seu desempeño, en especial a Manuel Diz e a Pablo Francisco Fernández, do grupo COM, Grupo de Antenas, Radar e Comunicacións Ópticas.

Explican tamén que no último ano e medio produciuse un auxe de proxectos espaciais, que os levou a superar as 25 persoas traballando a través de contratos ou realizado teses enfocadas cara o sector do espazo e as telecomunicacións, ademais de cinco docentes permanentes da UVigo. Céntranse en proxectos que van desde a participación na Constelación Canaria de satélites ou o desenvolvemento de sistemas de comunicacións ópticas para o espazo ata actividades relacionadas co docking, é dicir, o acoplamento de satélites en órbita.

Sinalan como clave do éxito a colaboración, dentro dun centro de investigación, atlanTTic, no que se involucran en diversas iniciativas e colaboran con todos os demais grupos. Así pois “manter esa mente aberta e traballar xuntos é o que nos permitirá seguir medrando para converte o centro na punta de lanza da enxeñaría aeroespacial e de telecomunicacións”, sinalan.

Máis información

Duvi