O talento investigador do CINTECX lidera un proxecto de economía circular de materiais de construción

Vigo TecnolóxicoActualidadeO talento investigador do CINTECX lidera un proxecto de economía circular de materiais de construción
En primeira fila, Juan Carlos Navares, Ana Sánchez e Jesús Balado. Na segunda, Mario Soilán e Pedro Arias (Duvi)

Imaxe: en primeira fila, Juan Carlos Navares, Ana Sánchez e Jesús Balado. Na segunda, Mario Soilán e Pedro Arias (Duvi)

O talento investigador do CINTECX lidera un proxecto de economía circular de materiais de construción

SUM4Re procura a creación de bancos de material a través de minaría urbana dixital

O maior fluxo de refugallos da UE en número de toneladas corresponde aos residuos de construción e demolición (sen incluír os da minaría). Precisamente, nun escenario aliñado coa Axenda Verde promovida pola Unión Europea, bota a andar SUM4Re, Creating materials banks from digital urban mining (Creación de bancos de materiais a partir de minaría urbana dixital), un proxecto de investigación, liderado pola UVigo e no que participan socios de nove países europeos.

En 2020, a cantidade total de residuos de construción e demolición nos países da UE foi de 330 millóns de toneladas (Mt), excluídas escavacións e actividades de dragado. Ao mesmo tempo, o uso intensivo de materias primas no sector da construción representa máis do 40% das emisións de gases de efecto invernadoiro, se se contabiliza o uso de materiais primarios, ameazados pola súa escaseza, alto valor económico e pegada ambiental. E aínda que a taxa de recuperación dos residuos de construción e demolición na UE é alta, polo xeral estes restos son utilizados en aplicacións de baixo valor engadido, como recheos e outros sistemas de construción de baixo valor.

Pedro Arias Sánchez, catedrático da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía da UVigo e investigador de CINTECX, o Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais do campus Vigo Tecnolóxico, salienta que a meirande parte dos subprodutos da construción se poden reciclar, mais a clave é que o prezo destes materiais no mercado (secundarios) non supere aos materiais fabricados con novas materias primas (primarios).

Deste xeito, SUM4Re, que conta con financiamento de 6 millóns de euros a través do programa Horizonte Europa dun orzamento total de 6,5, nace co triplo obxectivo de reducir os residuos, reciclar  materiais e revalorizar estes subprodutos no ámbito da construción. Faino cun matiz clave: estes obxectivos son dirixidos a construcións e infraestruturas edificadas en fase previa ás accións de demolición ou desmantelamento, segundo sinala Arias. Así, o proceso debe ser planificado mantendo o obxectivo da redución de residuos e o fomento das prácticas de construción circular.

Un enfoque integrado para crear bancos de materiais

Canda á Universidade de Vigo, coordinadora do proxecto, participa nel outra institución académica, a Universidade de Ciencias Aplicadas da Haia (Países Baixos), ademais do Centro de Investigación Técnica de Finlandia VTT. Fundación Tecnalia e o concello da Haia son as institucións que participan neste proxecto, que conta ademais cun consorcio formado por 17 entidades do sector da construción de Noruega, Países Baixos, España, Alemaña, Bélxica, Estonia e Suíza.

“A hipótese inicial é que se tes localizados, caracterizados e cuantificados os materiais, a demolición (ou rehabilitación, ou desmantelamento) vaise poder facer de xeito ‘ordenado’ para que se poidan incrementar as taxas de recuperación do material e con menor custo de procesado posterior, para a súa transformación en materiais secundarios”, detalla Arias, que traballará neste proxecto xunto aos investigadores e investigadoras do grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas (GeoTech). O grupo da UVigo contará para desenvolver a súa actividade co 15,4% do total do orzamento do proxecto, 922.500 euros.

SUM4Re propón un enfoque integrado para a creación de bancos de materiais a partir das contornas construídas combinando minería urbana (cuxo principio é extraer as materias primas do vertedoiro en lugar da natureza), tecnoloxías de adquisición automatizada de datos in situ e identificación de compoñentes e materiais de construción con valor para novos usos.

O proxecto, que comezou o 1 de xuño, celebrou esta semana na sede cidade da Escola de Enxeñaría Industrial do Campus Vigo Tecnolóxico a súa reunión de lanzamento, na que durante dous días, os a e as responsables, investigadores e representantes das empresas que integran o consorcio analizaron os aspectos máis salientables das accións que van acometer nas fases iniciais do proxecto, que se prolongará durante os tres próximos anos e medio.

 

Máis información

Duvi

SUM4Re en SINTEF