O Vigo Quantum Communication Center presenta na Expo de Osaka 2025 os seus avances dentro do proxecto QSI

Vigo TecnolóxicoActualidadeO Vigo Quantum Communication Center presenta na Expo de Osaka 2025 os seus avances dentro do proxecto QSI
Os estudantes de doutoramento da UVigo Alessandro Marcomini e Vaisakh Mannalath, xunto con Alex B.Grilo e Christian Majenz en Osaka

Imaxe: os estudantes de doutoramento da UVigo Alessandro Marcomini e Vaisakh Mannalath xunto co profesor Alex B.Grilo, da Sorbonne Université, e o profesor Christian Majenz da Universidade Técnica de Dinamarca na sala onde se impartiron as charlas divulgativas (Duvi)

O Vigo Quantum Communication Center presenta na Expo de Osaka 2025 os seus avances dentro do proxecto QSI

Na actualidade participa en 6 proxectos europeos de comunicacións cuánticas e 2 nacionais

En Osaka, Xapón, estase a celebrar a Expo 2025 baixo o lema “Deseñando a sociedade do futuro para as nosas vidas”. Un proxecto coordinado pola Universidade de Vigo foi elixido para representar a Europa nesta cita: Quantum-Safe Internet (QSI). É una rede de doutoramento Marie Skłodowska-Curie financiada pola Unión Europea con máis de 2 millóns de euros. Está coordinada polo catedrático Marcos Curty Alonso e grazas a ela 12 mozas e mozos de diferentes países estanse a formar para converterse na nova xeración de especialistas que abordarán o desafío de fornecer á sociedade unha Internet segura.

Curty, responsable tamén do Vigo Quantum Communication Center, salienta que a Universidade de Vigo conta cunha gran visibilidade internacional no eido das comunicacións cuánticas. Actualmente participa en seis proxectos europeos, incluído QSI, e en dous proxectos nacionais sobre comunicacións cuánticas. O Vigo Quantum Communication Center creouse como centro adscrito a atlanTTic, o centro de investigación en tecnoloxías de telecomunicación do Campus Vigo Tecnolóxico, pertencente á rede Cigus, tal e como destaca Curty. O investigador engade que o propósito é lograr comunicacións plenamente seguras na era dos computadores cuánticos. En palabras deste catedrático da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, trátase dun asunto que supón grandes oportunidades, pero que tamén representa unha ameaza seria para os métodos criptográficos que se empregan na actualidade para protexer as comunicacións.

Curty considera a selección do proxecto QSI para Osaka 2025 un gran recoñecemento ao compromiso europeo na construción dun futuro dixital seguro. Neste evento, que rematará o vindeiro mes de outubro, participan máis de 150 países e organizacións industriais e espéranse 28 millóns de participantes.

Propostas para unha Internet resistente aos riscos da computación cuántica

A Xapón viaxaron os estudantes de doutoramento da Universidade de Vigo Alessandro Marcomini e Vaisakh Mannalath xunto co profesor Alex B. Grilo da Sorbonne Université (Francia) e o profesor Christian Majenz da Universidade Técnica de Dinamarca. Alí uníronse a eles os socios do proxecto en Xapón, o profesor Kiyoshi Tamaki, da Universidade de Toyama, e o investigador Koji Azuma, da empresa de telecomunicacións NTT.

Ao longo de varios días ofreceron un completo programa de actividades que incluíu charlas divulgativas, proxeccións audiovisuais sobre os resultados que se están a acadar, talleres interactivos e actividades lúdicas para todos os públicos centradas nos desafíos e solucións da seguridade dixital cuántica e poscuántica.

Quantum-Safe Internet comezou en outubro de 2022 e rematará en setembro de 2026. Trátase dunha rede de formación de doutores da que forman parte 22 entidades (7 como beneficiarias e 15 como asociadas) incluíndo grandes empresas, como Toshiba ou Cisco, e universidades de Francia, Alemaña, Dinamarca, Países Baixos, Italia, Reino Unido, Suíza, Xapón ou Canadá.

Ao seu abeiro estanse a formar 12 estudantes de doutoramento  (2 mulleres e 10 homes) provenientes de seis países: Italia (3), Alemaña (2), India (2), España (2), Arxentina, México e Francia. Destes 12 estudantes dous están contratados na propia UVigo, un de Italia e outro da India.

O balance destes tres primeiros anos de formación e investigación é, a xuízo do seu responsable, “moi positivo”, e o mellor exemplo destes bos resultados é ter sido seleccionados pola Comisión Europea para esta Expo 2025 de Osaka.

Máis información

Duvi
Quantum-Safe Internet
Vigo Quantum Communication Center