Imaxe: Marcos Curty, Belén Rubio, Carmen Cotarelo, Román Rodríguez, Manuel Reigosa, Luis Orosa e Martín Llamas nun instante do acto (Duvi)
O VQCC acollerá un novo laboratorio de computación cuántica óptica
UVigo e CESGA presentaron as novas instalacións que acollerá o Vigo Quantum Communication Center
En virtude do acordo asinado onte, o Quantum Optical Computing Lab pronto será unha realidade. Será un laboratorio que traballará no desenvolvemento dun procesador cuántico e que contará cun investimento de 2,4 millóns de euros. O acordo para a súa creación foi asinado no día de onte polo reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa Roger, e o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez González, nun acto celebrado na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación do Campus Vigo Tecnolóxico.
Voz propia para Galicia en computación cuántica
En palabras do reitor, o novo laboratorio ampliará as capacidades do Vigo Quantum Communication Center (VQCC, o centro de excelencia da UVigo enfocado en investigación e innovación en tecnoloxías de comunicación cuántica, adscrito a atlanTTic), unha área na que a Universidade de Vigo está xa situada na primeira liña internacional. Reigosa afirmou que a UVigo estase a equipar coas ferramentas para que nos vindeiros anos Galicia teña voz propia en computación cuántica e sexa quen de competir globalmente.
Pola súa banda, Román Rodríguez describiu esta colaboración coma un fito significativo que reforza o sistema de I+D+i de Galicia, posible polo esforzo conxunto do CESGA (Centro de Supercomputación de Galicia) e a Universidade de Vigo.
Ao acto de sinatura do acordo acudiron tamén Carmen Cotelo, directora da Axencia de Innovación de Galicia (GAIN); Lois Orosa, director científico do CESGA; Martín Llamas, director de atlanTTic; Marcos Curty, director do VQCC; e Belén Rubio, vicerreitora de investigación, transferencia e innovación da UVigo.
Gobernanza compartida
O acordo entre o GESGA e atlanTTic, o centro de investigación en tecnoloxías da telecomunicación do Campus Vigo Tecnolóxico, establece un modelo de gobernanza compartida, que abranguerá aspectos tanto operacionais como científicos. O laboratorio estará dotado con persoal de investigación altamente personalizado, equipamento de última xeración e infraestruturas técnicas avanzadas.
atlanTTic contribuirá coa súa experiencia en tecnoloxías cuánticas e telecomunicación, mentres que o CESGA achegará as súas capacidades en infraestruturas de computación avanzadas e apoio técnico especializado, cofinanciado a través do programa PERTE Chip e os recursos da Consellaría de Ciencia, Educación, Universidades e Formación Profesional. A Universidade de Vigo contribuirá con recursos institucionais adicionais e contribuirá á consolidación do laboratorio e a súa sustentabilidade operativa.
Computación moito máis potente e eficiente
Co desenvolvemento deste novo sistema de computación cuántica óptica poderíanse resolver problemas de optimización complexos moito máis rápido e consumindo menos enerxía que cos procesadores clásicos. Permitirá acelerar múltiples algoritmos de intelixencia artificial e terá utilidades en deseño de materiais, loxística, planificación sanitaria ou bioinformática.
Ademais, o Quantum Optical Computing Lab permitirá posicionar a Galicia dentro da plataforma experimental da futura Fábrica europea de intelixencia artificial. Isto grazas ás súas sinerxías e a potencialidade para executar algoritmos de IA de forma máis eficiente. Contribuirá así á investigación e ao desenvolvemento de infraestruturas de computación de vangarda e á mellora da soberanía tecnolóxica. O Quantum Optical Computing Lab terá unha duración inicial de catro anos, con posibilidade de prórroga.
Máis información



