O VQCC súmase a Quantum Iber_IA, proxecto transfronteirizo de impulso das tecnoloxías cuánticas

Vigo TecnolóxicoActualidadeO VQCC súmase a Quantum Iber_IA, proxecto transfronteirizo de impulso das tecnoloxías cuánticas
Acto de presentación de Iber_IA na sede de GAIN.

Imaxe: foto de familia do acto de presentación do pasado venres na sede de GAIN (Duvi).

O VQCC súmase a Quantum Iber_IA, proxecto transfronteirizo de impulso das tecnoloxías cuánticas

Está coordinado por GAIN, a Axencia Galega de Innovación

A Universidade de Vigo é un dos 17 socios de España e Portugal que conforman o proxecto Quantum Iber_IA, unha iniciativa transfronteiriza para impulsar as capacidades en tecnoloxías cuánticas e intelixencia artificial no espazo ibérico. A parte viguesa do proxecto coordinarase desde o Vigo Quantum Communication Center (VQCC), o centro de investigación especializado en tecnoloxías da comunicación cuántica adscrito a atlanTTic.

Aínda que o proxecto comezou hai uns meses, o pasado venres celebrouse en Santiago de Compostela a súa presentación oficial. Foi na sede da Axencia Galega de Innovación (GAIN), que lidera o consorcio. Entre os asistentes, por parte do VQCC acudiu o investigador Davide Rusca.

Ademais da UVigo, participan no proxecto as universidades da Coruña e Santiago de Compostela, o CESGA (Centro de Supercomputación de Galicia), FEUGA (Fundación Empresa-Universidad Gallega), e outras entidades de Portugal, Castela, Estremadura e Andalucía, incluíndo a Universidade do Minho, a Universidad de Extremadura, a Universidade de Aveiro ou a Axencia Dixital de Andalucía.

O orzamento total do proxecto é de 8.859.923,35 euros, dos que 413.165,86 corresponden á participación subvencionada da Universidade de Vigo. Quantum Iber_IA, Impulso estratéxico das capacidades en tecnoloxías cuánticas e intelixencia artificial no espazo ibérico transfronteirizo, desenvolverase durante un total de 39 meses.

Tecnoloxía para favorecer a cooperación transfronteiriza

O propósito principal da iniciativa é colocar o espazo POCTEP (espazo transfronteirizo entre España e Portugal) como referente na creación e aplicación de tecnoloxías avanzadas mediante a integración estratéxica das tecnoloxías cuánticas (computación, comunicacións e simulación) coa intelixencia artificial. Para conseguilo, potenciará as capacidades de investigación e innovación e promoverá o uso compartido e coordinado de infraestruturas xa existentes nos territorios participantes: supercomputadoras, redes cuánticas ou plataformas de intelixencia artificial. Prestarase especial atención ao desenvolvemento de solucións aplicadas a sectores estratéxicos como a agroalimentación, a saúde, a ciberseguridade, a enerxía ou o medio ambiente. Mediante demostracións tecnolóxicas e probas de concepto, tamén se buscará facilitar a transferencia de coñecemento cara ás empresas e ás administracións públicas.

Simultaneamente, promoverase un ecosistema de innovación híbrido cuántico-IA que conecte centros de investigación, universidades, administracións públicas e empresas, favorecendo a cooperación transfronteiriza e contribuíndo á atracción e retención de talento especializado nestes ámbitos emerxentes.

Davide Rusca, do VQCC, explica que na Universidade de Vigo estase a liderar a investigación e o desenvolvemento de tecnoloxía cuántica, particularmente o desenvolvemento dun prototipo relacionado o intercambio de claves cuánticas. Esta tecnoloxía permite a comunicación segura entre dous axentes remotos grazas ás propiedades da física cuántica, o que abre novas posibilidades en comunicacións seguras e ciberseguridade avanzada.

Máis información

Duvi

Páxina do proxecto na web de POCTEP