O Xeolodía chega este domingo a Sanxenxo

Vigo TecnolóxicoActualidadeO Xeolodía chega este domingo a Sanxenxo
O Xeolodía chega este domingo a Sanxenxo

Imaxe: substrato xeolóxico de Punta de Noalla (Duvi)

O Xeolodía chega este domingo a Sanxenxo

Está organizado pola Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía e a Facultade de Ciencias do Mar

O vindeiro domingo, día 10 de maio, as praias de Areas Gordas, A Lapa e Montalvo, en Sanxenxo, serán o escenario do Xeolodía, unha iniciativa coordinada a nivel nacional pola Sociedad Geológica de España (SGE). O obxectivo, achegar a xeoloxía á sociedade e demostrar a súa relevancia, tal e como explica Bienvenido Díez Ferrer, catedrático do Departamento de Xeociencias Mariñas e Ordenación do Territorio da UVigo. O evento local desta iniciativa estatal corre a cargo de profesorado da Facultade de Ciencias do Mar e da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía.

A xornada, de carácter gratuíto, que se desenvolverá na provincia de Pontevedra leva por título Sanxenxo: rocha, mar e tempo. Poderán gozar dela as 150 persoas inscritas, que serán organizadas en 5 quendas de 30 persoas cada un. Sairán cada media hora entre as 9:30 e as 11:30, cun último grupo cuxo percorrido estará adaptado a persoas con mobilidade reducida.

Unha visita en dúas partes

Durante a ruta as persoas participantes aprenderán sobre aspectos xeolóxicos destacados da zona, como a formación tómbolos, os procesos de erosión, a interpretación das rochas metamórficas do substrato, formadas durante a Oroxenia Varisca, e a singularidade dos depósitos sedimentarios.

Bienvenido Díez explica que a actividade está centrada nas tres praias mencionadas, nas que se explicarán diferentes procesos xeolóxicos da contorna, como as características xeomorfolóxicas ou sedimentolóxicas. A primeira parte da visita consistirá nun percorrido polas praias de Areas Gordas e A Lapa, onde se describirán a formación dos areais, o tómbolo, a erosión costeira, as rochas do substrato e o metamorfismo de contacto. Relata o catedrático da UVigo que a praia é unha zona costeira onde se acumulan sedimentos pola acción das ondas, mareas e correntes. O tómbolo é unha ponte natural de sedimentos que conecta unha illa co continente, formada cando as ondas e correntes depositan area detrás da illa. Os sedimentos acumúlanse ata crear unha franxa que une as porcións de terra.

A segunda parte da visita contará coa explicación dos depósitos de tipo pracer na praia de Montalbo. É un areal no que o depósito aparece como capas alternantes de minerais densos escuros e minerais lixeiros claros, con espesores variables a escala centimétrica pola influencia da ondada estacional, explica Díez.

As prazas están xa esgotadas. A guía de campo do percorrido pode descargarse aquí.

Un Xeolodía por provincia

A orixe do Xeolodía está en Teruel, onde se realizou a primeira excursión en xuño de 2005 no Parque Xeolóxico de Aliaga. Pouco a pouco fóronse sumando outras provincias, cun total de 6 no ano 2009. E xa desde 2011 hai un Xeolodía por cada provincia na segunda fin de semana de maio.

Xeolodía é unha actividade organizada pola Sociedad Geológica de España (SGE) e a Asociación Española para la Enseñanza de las Ciencias de la Tierra (AEPECT) que conta co patrocinio do Instituto Geológico y Minero de España (IGME).

Máis información

Duvi

Xeolodía