Oito investigacións elaboradas no CINTECX, premiadas pola súa contribución ao emprendemento

Vigo TecnolóxicoActualidadeOito investigacións elaboradas no CINTECX, premiadas pola súa contribución ao emprendemento
Gabriel Eduardo Suárez Fernández, Ahmed Mossad Ibrahim Elseicy, César Álvarez Bermúdez, María Pazo Rodríguez e Saúl Díaz Rodríguez, premiados pola contribución dos seus traballos ao emprendemento.

Imaxe: de esquerda a dereita: Gabriel Eduardo Suárez Fernández, Ahmed Mossad Ibrahim Elseicy, César Álvarez Bermúdez, María Pazo Rodríguez e Saúl Díaz Rodríguez. (CINTECX)

Oito investigacións elaboradas no CINTECX, premiadas pola súa contribución ao emprendemento

A UVigo outorgou un total de 22 distincións ás mellores teses, TFM e TFG con contidos relacionados co emprendemento

O Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais do Campus Vigo Tecnolóxico (CINTECX) vén de conseguir oito dos 22 galardóns concedidos nos Premios de Investigación sobre Emprendemento da Universidade de Vigo, que distinguen teses de doutoramento, traballos de fin de mestrado e traballos de fin de grao relacionados co emprendemento e a innovación.

Na área de Enxeñaría e Arquitectura foron merecedoras destas distincións as teses de doutoramento de César Álvarez Bermúdez, Saúl Díaz Rodríguez, Ahmed Mossad Ibrahim Elseicy e Gabriel Eduardo Suárez Fernández, mentres que a tese de María Pazo Rodríguez foi premiada na área de Arte e Humanidades. Ademais, Diego Costas Moyano e Pablo Alonso González foron premiados polos seus traballos de fin de mestrado. Finalmente, Gadyel Aminadab De Morais Conceiçao foi distinguido polo seu traballo de fin de grao.

O propósito destes premios é distinguir investigacións con orientación cara á innovación e ao emprendemento. Valoran a viabilidade das propostas, a súa creatividade ou o seu potencial impacto económico e social. Deste xeito a UVigo visibiliza iniciativas xurdidas no ámbito universitario capaces de xerar novas oportunidades de desenvolvemento e transferencia do coñecemento.

Cinco teses premiadas en enxeñaría, transporte, minería e intelixencia artificial

As teses premiadas afondan na proposta de solucións para varios grandes retos tecnolóxicos e ambientais, que abordan da valorización enerxética da biomasa á aplicación da intelixencia artificial ás infraestruturas, a minaría ou os sistemas de transporte.

Entre elas, a investigación de César Álvarez Bermúdez, que se centra no desenvolvemento de modelos avanzados para simular sistemas de conversión térmica de biomasa a gran escala. O seu traballo permite analizar con precisión o comportamento de fornos, gasificadores e reactores de pirólese, de xeito que proporciona ferramentas de apoio para o deseño e optimización deste tipo de instalacións.

Pola súa banda, a tese de Ahmed Mossad Ibrahim Elseicy incorpora técnicas de intelixencia artificial á análise de datos obtidos mediante radar de penetración terrestre. O traballo automatiza a interpretación da información recollida por esta tecnoloxía, que se utiliza habitualmente para avaliar o estado dos pavimentos sen realizar actuacións destrutivas.

No caso de Saúl Díaz Rodríguez, o investigador analizou o potencial do ozono para reducir a formación de depósitos nos sistemas de escape. Esta circunstancia inflúe, ademais no rendemento e no mantemento destes equipos, habituais tanto na industria coma no transporte.

No eido da minaría sostible, María Pazo Rodríguez explora o uso de modelos descentralizados de aprendizaxe automática para apoiar a toma de decisións complexas.  A súa tese combina redes bayesianas, teoría da información e AutoML (aprendizaxe automática automatizada) para avaliar de xeito conxunto variables económicas, ambientais e sociais.

A última das teses galardoadas foi a de Gabriel Eduardo Suárez Fernández, que se centrou no papel das infraestruturas verdes e grises nas redes de transporte terrestre. Mediante tecnoloxías baseadas en xemelgos dixitais, analiza diferentes escenarios de planificación e o seu posible impacto nos mercados de carbono. Recibiu tamén o premio á mellor tese de doutoramento concedido pola Cátedra de Cambio Climático da Universidade de Oviedo (CuCC).

Tres premios a TFM e TFG

Ademais das 5 teses de doutoramento, foron distinguidos outros dous traballos de fin de máster vinculados ao CINTECX: trátase do TFM de Diego Costas Moyano, quen desenvolveu unha ferramenta de agrupamento non supervisado baseada no algoritmo k-means para a análise enerxética de vivendas públicas de alugueiro, e o de Pablo Alonso González, por unha ferramenta para a xestión da calidade da auga en encoros eutrofizados.

Por último, o traballo de fin de grao de Gadyel Aminadab De Morais Conceiçao foi premiado na Área de Enxeñaría e Arquitectura.

Máis información

CINTECX