Os centros de investigación de Vigo Tecnolóxico renovan as súas direccións

Vigo TecnolóxicoActualidadeOs centros de investigación de Vigo Tecnolóxico renovan as súas direccións
Francisco Javier González Castaño (atlanTTic) e David Patiño Vilas (CINTECX)

Imaxe: Francisco Javier González Castaño, á esquerda, e David Patiño Vilas, á dereita. (Duvi)

Os centros de investigación de Vigo Tecnolóxico renovan as súas direccións

atlanTTic e CINTECX contan con novos directores

Relevo á fronte dos centros de investigación do Campus Vigo Tecnolóxico: en atlanTTic, o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Telecomunicación, o catedrático Francisco Javier González Castaño substitúe a Martín Llamas Nistal. No caso de CINTECX, o Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais, o catedrático David Patiño Rivas toma o relevo de Ángeles Sanromán Braga.

Francisco Javier González Castaño dirixirá atlanTTic

Catedrático do Departamento de Enxeñaría Telemática, Francisco Javier González Castaño asume a dirección de atlanTTic, centro de investigación que forma parte da rede CIGUS. No punto de mira, os propósitos de seguir a optimizar os recursos de investigación e de reforzar a visibilidade do centro naqueles eidos que lidera nos ámbitos rexional, nacional e internacional: é o caso da seguridade cuántica, as comunicacións avanzadas e os semiconductores III-V. Hai que sinalar que atlanTTic foi o centro TIC líder en Galicia en captación de recursos en 2025, con máis de 19 millóns de euros.

atlanTTic desenvolve a súa actividade investigadora en ámbitos como as comunicacións terrestres e espaciais, as tecnoloxías duais, os semicondutores III-V, as tecnoloxías cuánticas ou a ciberseguridade. O novo director remarca que atlanTTic é un centro que xera valor para a comunidade a través “dunha investigación de excelencia no ámbito das tecnoloxías de telecomunicación e do seu compromiso coa transferencia de coñecemento”. O reto reside en que atlanTTic siga medrando ao tempo que reforza a súa capacidade investigadora e a súa proxección e fortalece os vínculos coa sociedade e co tecido empresarial.

Gómez Castaño é investigador principal do Grupo de Tecnoloxías da Información (GTI) e actualmente traballa en redes de comunicacións avanzadas e en tecnoloxías duais intelixentes. Ten participado en numerosos proxectos de investigación e transferencia e é coautor de máis de 130 artigos en revistas internacionais. Foi enxeñeiro en Televés, profesor no Department of Computer Sciences da Universidade de Wisconsin-Madison e cofundador do centro tecnolóxico Gradiant.

David Patiño Vilas é o novo director do CINTECX

Catedrático na área de Máquinas e Motores Térmicos e investigador do Grupo de Tecnoloxía Enerxética (GTE), David Patiño dirixirá a partir de agora o CINTECX. Asume o reto con “moita ilusión, sentido da responsabilidade” e agradece o traballo desenvolvido polas súas predecesoras no cargo.

CINTECX, recorda Patiño, é un centro con gran potencial, que conta, a pesar de ser relativamente novo, coa colaboración de ao redor de 220 persoas, que producen más de 180 publicacións JCR ao ano (a maioría en Q1) e colaboran en 62 proxectos activos, dos cales 13 son internacionais. En transferencia, conseguiuse máis dun cento de contratos con empresas ao ano e tamén numerosas patentes, lembra o novo director. A medio-longo prazo, a meta é facer de CINTECX centro de excelencia da Rede CIGUS (actualmente é centro colaborativo desta rede). Para que se materialice, “cómpre mellorar a produción científica de máximo impacto, a captación de proxectos internacionais e a atracción de talento”, sinala.

O ámbito de investigación do novo director céntrase na combustión de biomasa e doutros combustibles renovables e descarbonizados (hidróxeno), na modelización de procesos térmicos e nas tecnoloxías de redución de emisións. É coautor de máis de 65 artigos JCR os que suman máis de 2400 citas. Participou en múltiples proxectos de investigación e contratos con financiamento autonómico, estatal e europeo. É coautor de catro patentes, unha delas europea, e participante en máis de 100 proxectos con empresas ao longo de 15 anos. Anteriormente foi subdirector da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía e director de área na Vicerreitoría de Ordenación Académica e Profesorado, entre outras responsabilidades.

Máis información

Duvi