Imaxe: LPRO Days 2026 (Duvi)
Os LPRO Days atraen cada vez a máis alumnado preuniversitario
Esta feira tecnolóxica presenta proxectos desenvolvidos por alumnado da EET
Este xoves e venres a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación do Campus Vigo Tecnolóxico está a celebrar unha nova edición dos LPRO Days, a feira tecnolóxica anual na que o alumnado presenta os proxectos desenvolvidos ao longo do curso na materia Laboratorio de Proxectos. Coma en edicións precedentes, o evento desenvólvese en dúas xornadas abertas á comunidade universitaria e á cidadanía: onte a cita foi no museo Verbum de Vigo, cunha mañá aberta ao alumnado preuniversitario e unha tarde para o público xeral. E no día de hoxe, nas propias instalacións da EET.
Esta edición bateu o récord de participación de alumnado universitario: foron 449 estudantes procedentes de nove institutos vigueses os que se achegaron ao Verbum, ratificando a relevancia desta feita como escaparate do talento innovador do alumnado da UVigo.
Proxectos para a saúde e o benestar, seguridade viaria, o bo uso da auga ou xestión bibliotecaria
Os proxectos foron presentados por 11 equipos multidisciplinares, formados integramente por estudantes. Trátase de prototipos centrados en ámbitos como a internet das cousas, a intelixencia artificial, a seguridade viaria, a monitorización ambiental ou a accesibilidade. Ao longo destas dúas xornadas están a explicar o funcionamento das súas propostas ao distinto público, incluíndo profesionais do sector.
A materia Laboratorio de Proxectos está coordinada polo profesor Manuel Caeiro Rodríguez, quen salienta a variedade de temáticas e o uso de novas tecnoloxías desta edición da feira. Como curiosidade, sinala que se presentan varios proxectos sobre temas relativos á auga, como calidade dos mananciais, explosións submarinas ou detección de riadas. Salienta tamén iniciativas vencelladas á seguridade e á mobilidade, coma os sistemas de apoio á condución.
Así, no ámbito da seguridade viaria destacan proxectos como Bola, un sistema de asistencia arbitral para detección de xogadas en fóra de xogo mediante visión por computador. Tamén están Sira, orientado á detección de sirenas para mellorar a resposta do tráfico; Opsis, para o control da pantalla do coche mediante seguimento ocular; ou FerroVixía, solución para a detección de anomalías nas vías ferroviarias empregando tecnoloxías IoT e procesamento avanzado de sinais.
No eido da saúde e o benestar, DormIA, sistema intelixente de monitorización de sono baseado en sensores biométricos e algoritmos de machine learning, e tamén Sinfonie, ferramenta de realidade virtual para o adestramento en dirección de orquestra mediante captura de movemento e unha batuta intelixente.
En canto a retos ambientais e monitorización do territorio, déronse a coñecer proxectos como AugaCalidade, para análise da calidade da auga en traídas rurais; HydRIA, plataforma de alerta temperá ante inundacións; e WaveBlaster, para detección de explosións submarinas asociadas á pesca legal.
Os proxectos presentados complétanse con Bookit, plataforma de xestión intelixente de salas de estudo universitarias, e GuideGuard, solución de vixilancia para audioguías baseada en tecnoloxías BLE e ESP32 para reducir furtos e falsas alarmas.
A colaboración da rede ConexiónTeleco
A directora da EET, Rebeca P. Díaz Redondo, destaca a intensa colaboración do sector empresarial con este evento. Tanto é así que serán cinco as empresas, todas elas da rede ConexiónTeleco que colabora coa escola, as que se fan cargo da entrega de premios aos mellores proxectos. Serán cinco premios de mil euros cada un da man de Gradiant, Optare Solutions, Marine Instruments, Quobis e o CTAG. Ademais, participan no evento Teltek, Fluge, Innatial, Técnica Engineering, ONCE, Wireless Galicia, Colabora Ingenieros e Telefónica.
Máis información



