Imaxe: Foto de familia das premiadas (Noa Álvarez, Daniela Sanz, Iliana Durán e Sarai Moledo) co reitor, Manuel Reigosa, a deputada de Igualdade, Sandra Bastos (á esquerda), e a voceira da Unidade de Igualdade, Mar Cendón (á dereita) (Duvi)
Os mellores currículos femininos das titulacións STEM, premiados por quinta ocasión
É unha iniciativa da Cátedra de Feminismos 4.0 DEPO-UVigo
Os premios GirlGeekPower volveron galardoar, un ano máis, os mellores expedientes femininos das carreiras STEM. Foi en setembro de 2021 cando naceu esta iniciativa, daquela co nome Premios GirlGeekCovid, da man da Cátedra de Feminismos 4.0 Deputación de Ponvededra-Universidade de Vigo. Un acto celebrado no día de onte na sede da deputación en Vigo distinguiu catro alumnas en dúas categorías: estudos de Ciencias e Ciencias da Saúde e estudos de Enxeñaría e Arquitectura. Foron dous primeiros premios de 2000 euros e dous accésits de 1000.
Dúas categorías, dous premios e dous accésits
Daniela Sanz Toucedo, que estuda Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación, recibiu o premio de Enxeñaría e Arquitectura. Iliana Durán Alonso, estudante do mestrado de Biotecnoloxía Avanzada, foi premiada na categoría de Ciencias e Ciencias da Saúde. Os accésits de cada unha das categorías foron para Noa Álvarez Montes, enxeñeira biomédica especializada en ciencia e tecnoloxía dos materiais, e Sarai Moledo Rodríguez, graduada en Bioloxía e estudante do Máster en Xenómica e Xenética.
As distincións foron entregadas por Manuel Reigosa Roger, reitor da Universidade de Vigo, e Sandra Bastos Míguez, deputada provincial de Igualdade e Benestar Social. Bastos remarcou a importancia do liderado feminino nestes campos de coñecemento para poder rematar coa fenda de xénero, e salientou que as catro estudantes premiadas son un exemplo para que as nenas teñan referentes.
Pola súa banda, Manuel Reigosa agradeceu a colaboración da institución provincial, felicitou as premiadas polos seu currículos e por seren un referente para as novas xeracións e remarcou que a igualdade real é necesaria para que a sociedade avance con todo o seu potencial.
As premiadas, precedidas por Mar Fernández Cendón, voceira da Unidade de Igualdade da UVigo, agradeceron ás súas familias o apoio recibido durante as súas traxectorias vitais e profesionais. Noa Álvarez agradeceu a visibilidade que estes premios dan ás mulleres que traballan no ámbito STEM, mentres que Daniela Sanz remarcou a necesidade da diversidade nos ámbitos científico e tecnolóxico e desexou que estes premios non sexan necesarios no futuro. Sarai Moledo asegurou sentirse honrada pola recepción do premio e Iliana Durán agradeceu aos seus pais o apoio na súa carreira científica.
Estereotipos que perduran
Segundo os datos do curso 2023-2024, ademais de existir un desequilibrio entre as matrículas de mulleres e homes nas titulacións STEM, este agrávase á hora de continuar a carreira investigadora. As teses de mulleres son maioría en ámbitos como ciencias da saúde ou ciencias sociais, pero no ámbito STEM as porcentaxes oscilan entre o 20 e o 30%. Con respecto aos datos de doutoramento, sobe o número de mulleres inscritas, que acada o 52,6% das matrículas. Porén, aínda que a porcentaxe de mulleres axudantes de investigación na UVigo está en torno ao 50% do total, só 3 de cada 10 acadan a cátedra.
Máis información