Os premios GirlGeekPower teñen unha nova convocatoria aberta
A UVigo e a Deputación de Pontevedra continúan a distinguir os mellores currículos femininos nos ámbitos STEM
Os Premios GirlGeekPower da Cátedra de Feminismos 4.0 Deputación de Pontevedra-UVigo manteñen aberto o seu prazo de inscrición ata o vindeiro 16 de outubro. É unha iniciativa que se puxo en marcha en 2020 para o fomento dos estudos científicos e tecnolóxicos entre as mulleres. Faino mediante a posta en valor das traxectorias e perfís de mozas que cursan este tipo de estudos na Universidade de Vigo.
Poden concorrer a estas distincións as mellores estudantes das ramas de Ciencias, Ciencias da Saúde, Enxeñaría e Arquitectura que están a cursar os seus estudos durante o presente curso 2025/2026 nos campus de Vigo e Pontevedra. Destinarase un total de 6000 euros para dous premios e dous accésits que recoñecerán o mellor aproveitamento académico das candidatas, ademais da súa motivación explícita nas titulacións de ámbitos STEM. Trátase, segundo se establece nas bases, de “promocionar e incentivar os estudos STEM entre as mulleres, un campo onde hai unha infrarrepresentación feminina, pese á importancia estratéxica deste ámbito na sociedade, o que pode redundar no incremento da fenda de xénero no futuro das novas xeracións”.
Ciencias, Ciencias da Saúde, Enxeñaría e Arquitectura
Estes premios contan con dúas modalidades: dunha banda, Ciencias e Ciencias da Saúde. Doutra, Enxeñaría e Arquitectura. Ambas as dúas contarán cun premio de 2000 euros e un accésit de 1000.
Poden participar as estudantes matriculadas na Universidade de Vigo no curso 2025/2026 en 60 créditos en titulacións de grao ou mestrado oficial nos campus de Pontevedra ou Vigo. As alumnas de grao deberán ter superado un mínimo de 60 créditos da titulación que estean a cursar e todas as candidatas deben ter unha nota media igual ou superior a 7 nas titulacións da rama de Enxeñaría e Arquitectura, ou 8 nas titulacións de Ciencias e Ciencias da Saúde.
As solicitudes deben presentarse a través dun formulario en liña, achegando unha carta de motivación que detalle as razóns que as levaron a estudar no ámbito das STEM e unha reflexión persoal sobre a súa experiencia como mulleres nun eido tradicionalmente masculinizado. No caso de que a solicitante realizase estudos nunha universidade distinta á de Vigo será necesario presentar a certificación académica dos estudos cursados. As estudantes que non teñan a nacionalidade española deberán acreditar o documento de rexistro de cidadá da UE ou a tarxeta de identificación de estranxeira na que conste o permiso de residencia.
A revisión e valoración das candidatas será realizada por unha comisión que estará composta por Yolanda Rodríguez, directora da Unidade de Igualdade; Soledad Torres, profesora do Departamento de Teoría do sinal e comunicación; Lucía Muradas, xefa do Servizo de Igualdade da Deputación de Pontevedra e Marta Caldas, adxunta ao Servizo de Igualdade da mesma institución.
Máis información



