A distinción en 2017 co selo HRS4R avala os compromisos da UVigo co persoal de investigación
OTM-R, (Open, Transparent and Merit-based Recruitment, Proceso de contratación aberto, transparente e baseado en méritos) é unha estratexia de contratación de baseada en méritos internacionalmente comparables. OTM-R é un dos alicerces da carta europea das persoas investigadoras, e, en particular, do Código de Conduta para a Contratación de Investigadores, publicado pola Comisión Europea en 2005. A finais do pasado ano, o consello de goberno da UVigo aprobou a súa política OTM-R, comprometéndose así a artellar mecanismos para asegurar a contratación do perfil máis axeitado para cada posto de traballo. Isto redundará beneficios para o persoal, o contorno de traballo, a institución e, en última instancia, para a sociedade.
Estes principios serán aplicables a todo o persoal investigador, con independencia da súa categoría profesional ou do seu perfil. Neste aspecto, o Marco Europeo da Carreira Investigadora establece catro perfís, de R1 a R4, tanto para o sector público como para o sector privado. O perfil R1 é o do persoal investigador predoutoral, que se estende polo xeral durante catro anos durante os cales o traballo é realizado baixo supervisión. O perfil R2 é o propio de persoas doutoradas que aínda non son totalmente independentes nas súas tarefas de investigación. Entre os programas posdoutorais para este perfil están Juan de la Cierva, Ramón y Cajal ou os de Xunta-GAIN. No perfil R3 está o persoal que xa desenvolveu un nivel de independencia. Na universidade pode exercer como profesor titular, permanente laboral ou contratado doutor, entre outros. Programas como Ramón y Cajal consolidación ou Beatriz Galindo Sénior requiren certificación R3. Por último, o nivel R4 é o do persoal investigador líder, é dicir, o que desempeña a xefatura dun grupo de investigación ou responsable dun laboratorio de i+D da industria. Figuras propias do nivel R4 son as de Catedrática/o de universidade ou investigaroras/es distinguidas/os. Simplificando, podemos pois falar de investigadoras/es predoutorais, postdoutorais, consolidadas/os e líderes.
Clic sobre a imaxe para agrandala
O selo HR
O compromiso da Universidade de Vigo nos últimos anos vén avalado tamén pola distinción, en 2017, co selo de excelencia en Recursos Humanos de Investigación da Comisión Europea, HR Strategy for Researchers (HRS4R). Este selo recoñece publicamente ás institucións que progresan na adecuación das súas políticas de recursos humanos aos principios definidos na Carta Europea do Investigador e no Código de Conduta para a contratación. Dous anos despois, en 2019, a Comisión Europea avaliou positivamente a súa implantación, e o pasado ano o programa foi avaliado por unha comisión externa.
A Carta Europea do Investigador contén unha serie de principios xerais e requisitos que especifican roles, responsabilidades e dereitos do persoal de investigación, as entidades que o contratan e responsables do financiamento. Pola súa banda, o Código de Conduta para Contratación establece os principios e requisitos para a equidade e transparencia no proceso de selección de persoal, coa vista no artellamento dun mercado laboral atractivo, aberto e sostible, complementando así á Carta Europea do Investigador. As institucións e entidades contratantes deben demostrar o seu compromiso de actuar de xeito responsable e promover un marco xusto de condicións de traballo das persoas investigadores.
O pasado mes de decembro o Consello Europeo acordou unha recomendación para proceder á revisión de ambos os dous documento, a Carta e o Código de Conduta. Recoñécese o seu papel no reforzo do Espazo Europeo de Investigación, e tamén que cómpre pór en marcha medidas máis específicas e eficaces para avanzar en cuestións como as condicións de emprego nos primeiros anos de investigación, a mobilidade, os medios de avaliación ou as desigualdades de xénero.
Máis información:
UVigo: HR excelencia en investigación
UVigo: Política OTM-R
Infografía das etapas de investigación (PDF): galego | inglés
Carta Europea do Investigador
Descritores dos perfís de investigación (inglés)
Comunicado sobre o acordo do Consello de Europa de dicembro de 2023