Pablo Graña, estudante da EEI, subcampión de Europa de piragüismo

Vigo TecnolóxicoActualidadePablo Graña, estudante da EEI, subcampión de Europa de piragüismo
Pablo Graña nun intre da proba de piragüismo C1 200 metros

Imaxe: Pablo Graña nun intre da proba celebrada en Portugal (Duvi)

Pablo Graña, estudante da EEI, subcampión de Europa de piragüismo

Conseguiu un tempo de 38,354 na proba C1 200 metros

O estudante da Escola de Enxeñaría Industrial do Campus Vigo Tecnolóxico Pablo Graña Alonso conseguiu a pasada fin de semana a medalla de prata no Campionato de Europa de Piragüismo Sprint, disputado en Montemor-o-Velho, Portugal. Graña proclamouse subcampión continental na proba C1 200 metros un tempo de 38,354 segundos, tan só a 75 centésimas do ouro, que foi para o ruso Sergey Svinarev. A terceira posición foi para o tamén ruso Aliaksandr Zubok, nunha proba na que o estudante da UVigo demostrou estar á altura dos grandes especialistas europeos desta modalidade.

Compaxinando o deporte de elite cos estudos

Tan só unhas horas despois deste gran éxito deportivo e xa de volta en Galicia, Graña, natural de Cangas do Morrazo, afrontaba outro reto, este de carácter académico: un exame universitario. Como non lle foi posible modificar a data desta proba, ao seu regreso meteuse de cheo na revisión dos seus apuntamentos de clase, clara mostra do esforzo que supón compaxinar estudios e deporte de elite.

Graña amosouse satisfeito co seu desempeño deportivo, especialmente tras un longo período de probas que pensaba que lle podía pasar factura. Salientou o bo rendemento no tramo medio do percorrido, fronte a uns primeiros metros que considera non tan bos.

Pablo Graña estuda o Grao en Enxeñaría Mecánica e adestra no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra. Hai unhas semanas, nunha reportaxe do Duvi sobre as axudas da Universidade de Vigo a deportistas de elite, falaba sobre as dificultades de combinar o deporte co académico, en espacial durante o segundo cuadrimestre, cando competicións e exames tenden a solaparse máis.

A través desta convocatoria, dirixida a apoiar a participación de estudantes en competicións internacionais, Graña recibiu unha achega económica para afrontar unha temporada na que se marcaba como obxectivo seguir a competir ao máximo nivel internacional e avanzar na súa preparación nas categorías olímpicas.

Quinta medalla europea e próximos desafíos

Con esta prata conseguida en Portugal son xa cinco as medallas europeas que ten no seu haber: en 2025 proclamouse campión de Europa na modalidade de C1 200 metros, distancia na que tamén foi subcampión continental en 2022, 2024 e agora en 2026. A estes éxitos súmanse, ademais, numerosos resultados internacionais en embarcacións de equipo, entre eles varios títulos mundiais.

O deportista iniciara esta temporada coa vista posta tanto na defensa da súa posición de referencia internacional no C1 200 metros como no obxectivo de seguir progresando na categoría olímpica de C2 500 metros, coa mirada posta nos Xogos Olímpicos de Los Ángeles 2028. Para iso, será necesario que España sume os puntos necesarios para contar cunha embarcación nas distancias olímpicas de C1 1000 e C2 500. A distancia da proba individual afástase máis das súas características, e vese máis competitivo no C2.

Tras este novo éxito, o padexeiro pensa no seguinte desafío internacional, que será o Mundial de Polonia a finais de agosto.

Máis información

Duvi