Imaxe: participantes no proxecto “Aprender xogando nun hospital” no Álvaro Cunqueiro de Vigo (Duvi)
Pacientes de pediatría aprenden xogando durante a súa estadía no hospital
60 estudantes de Enxeñaría Biomédica participarán na iniciativa baixo unha metodoloxía de “Aprendizaxe-Servizo”
“Aprender xogando nun hospital” é unha iniciativa de Aprendizaxe-Servizo (ApS) da Universidade de Vigo nacida en 2019 para achegar a ciencia a pacientes de pediatría, facéndolles pasar un bo momento e contribuíndo a unha convalecencia máis entretida. É o caso de Olivia, ingresada no hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, que descubriu esta semana da man de alumnado da universidade como funcionan os pulmóns grazas a un modelo feito con globos inchables.
Á fronte da inciativa está Eduardo Suárez porto, docente e investigador do Departamento de Enxeñaría Mecánica, Máquinas e Motores Térmicos e Fluídos da UVigo. Colaboran con el Jesús Vence e Noelia Bouzas, todos eles docentes na Escola de Enxeñaría Industrial do Campus Vigo Tecnolóxico e investigadores do CINTECX, o centro de investigación en tecnoloxías, enerxía e procesos industriais, e do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur. Porto explica que este pasado luns á tarde tivo lugar a primeira das sesións desde curso, que se estenderán ata mediados de decembro grazas á boa acollida que tivo a iniciativa entre o alumnado da materia que imparte, Mecánica de Fluídos, en 3º curso do Grao en Enxeñaría Biomédica. De feito, participarán un total de 60 alumnas e alumnos nas vindeiras semanas, o que supón máis do 90% das persoas matriculadas.
Un servizo á comunidade
A actividade consiste, esencialmente, na realización de experimentos lúdicos de mecánica de fluídos con pacientes de pediatría do hospital para pasar uns momentos divertidos e aprender mentres deixan de lado as rutinas médicas. Para o alumnado universitario é un xeito de pór en práctica os coñecementos relacionados con este eido, á vez que adquiren competencias relacionadas co traballo en equipo, o compromiso ético ou a responsabilidade social. Todo iso mentres presentan un servizo á comunidade, que precisamente é a base da metodoloxía Aprendizaxe-Servizo (ApS).
A novidade desta edición é a incorporación da Asociación de Cáncer Infantil e Xuvenil de Galicia (Asanog), que colabora na xestión da aula hospitalaria e una intermediación co persoal clínico e os pacientes.
Aprender xogando no Álvaro Cunqueiro
O experimento do que puido gozar Olivia, a primeira paciente desta edición de “Aprender xogando” incluía un modelo feito con globos que lle permitiu coñecer o funcionamento dos pulmóns e o comportamento dos fluxos laminares cun dispositivo xiratorio con glicerina e colorante vermello. Eduardo Porto comenta que se puxeron en práctica experimentos coma o coñecido como “diaño de Descartes”, no que hai que conseguir que un pequeno submarinista recupere un tesouro mergullado dentro dunha botella e que serve para demostrar tanto o principio de Arquímedes coma a lei dos gases ideais.
Outra das experiencias consistiu en facer mesturas con auga e maicena para acadar fluídos non newtonianos (aqueles cuxa viscosidade varía en función da temperatura e a tensión cortante que se lles aplica), manter en equilibrio unha pelota de ping-pong cun funil ou resolver un labirinto cunha bóla grazas ao movemento dunha plataforma hidráulica manexada con xiringas.
As sesións serán cada luns á tarde ata o 14 de decembro no hospital Álvaro Cunqueiro.
Máis información



