Patricia González Cabaleiro, investigadora de GeoTech, gaña a primeira edición da ‘Gargallada científica’
O certame naceu coa idea de comunicar ciencia con humor sen perder o rigor
A Universidade de Vigo vén de impulsar “Gargallada científica”, un concurso de monólogos científicos en galego co obxectivo de comunicar con humor sen deixar de lado o rigor. A gañadora da primeira edición é Patricia González Cabaleiro, investigadora predoutoral no grupo de Xeotecnologías Aplicadas (GeoTech) do CINTECX, o Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais do Campus Vigo Tecnolóxico. Fíxoo co monólogo “Podería dicir que son”.
O xurado, composto por Andrea Muras Mora, Luís Pena Morandeira e Ana Costa Montes destacou “a capacidade de Patricia para fusionar contido científico rigoroso cunha retranca galega moi característica nun vídeo cun guión orixinal e cheo de metáforas divertidas, acompañado dunha coidada calidade técnica e dunha interpretación especialmente salientable”.
Houbo un total de seis candidaturas, e todos os traballos poden visualizarse na canle de YouTube da Unidade de Cultura Científica e da Innovación da UVigo. Ademais do monólogo gañador, están dispoñibles os presentados por Mario Soilán Rodríguez, Lorenzo Antonio Justo Cousiño, Fernando Álvarez Álvarez, Celestino Quintela Sabarís e Wendy Fernández Pujó. O xurado subliñou a alta calidade das propostas presentadas e a súa vontade divulgativa acompañada de recursos humorísticos, con capacidade para conectar cun público amplo. A proposta gañadora foi premiada cun kit audiovisual valorado en 600 euros.
Monólogos científicos e humor, en directo este xoves
Como colofón do concurso, este xoves, día 11, entre as 18:30 e as 20 h, a autora participará nunha sesión de “solo” de ciencia no café Vitruvia de Vigo. Nela terá a oportunidade de pór en práctica as súas capacidades como monologuista fronte ao público. Compartirá escenario coas científicas e divulgadoras Ángela Arnosa Prieto e Andrea Muras Mora, así como co actor e director teatral Quico Cadaval.
Ángela Arnosa Prieto é doutora en Ciencia de Materiais, con ampla traxectoria en iniciativas de divulgación científica. Participou na primeira edición do “Ciencia calidade”, o primeiro concurso de monólogos científicos en galego, e foi finalista nacional no certame iberoamericano de monólogos científicos “Solo de Ciencia”. O seu monólogo será “Nanopartículas para flipar en cores”, no que amosará como materiais tan comúns como o ouro ou a prata poden mudar de cor e comportamento cando se reducen a escala nano.
Pola súa banda, a microbióloga Andrea Muras Mora, finalista en FameLab España e autora do libro “La guerra contra las superbacterias”, falará en “As bacterias da miña boca” do complexo ecosistema microbiano que habita as nosas cavidades bucais e de como se organizan estes microorganismos para dar lugar á placa dental.
O cartel complétase coa presenza de Quico Cadaval, unha figura esencial do teatro e do humor en Galicia, que en “Eureka” empregará o seu particular estilo narrativo para explorar a cara máis sorprendente e cómica das grandes ideas científicas.
A actividade é gratuíta pero require inscrición previa. As prazas son limitadas ata completar a capacidade da sala.
Dia da Ciencia en Galego
O certame de monólogos insírese nas actividades de divulgación científica da Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i) con motivo do Día da Ciencia en Galego e nace co obxectivo de dar visibilidade ao talento divulgador en galego e amosar que a investigación tamén pode ser fonte de gargalladas.
As accións vencelladas a esta efeméride forman parte do plan especial 5º Aniversario Ciencia de Ida e Volta, que conta coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y Tecnología (FECYT) do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.
Máis información



