Pedro Arias, galardoado cun premio TRA Visions polas súas investigacións sobre infraestruturas viarias

Vigo TecnolóxicoActualidadePedro Arias, galardoado cun premio TRA Visions polas súas investigacións sobre infraestruturas viarias
Pedro Arias recolle o TRA VISIONS Senior Researcher Award in the Road category en Budapest

Imaxe: Pedro Arias recolle o TRA VISIONS Senior Researcher Award in the Road category en Budapest (Duvi)

Pedro Arias, galardoado cun premio TRA Visions polas súas investigacións sobre infraestruturas viarias

A TRA (Transport Research Arena) é una conferencia organizada pola Comisión Europea

O catedrático da Universidade de Vigo e investigador do CINTECX, Pedro Arias Sánchez, vén de recibir o TRA VISIONS Senior Researcher Award in the Road category, un recoñecemento dirixido a persoas investigadoras consolidadas polas súas achegas relevantes á investigación, innovación e desenvolvemento de políticas no ámbito do transporte. Principalmente, relacionadas coas infraestruturas viarias, a seguridade, a dixitalización, a intelixencia artificial, a mobilidade sustentable e a xestión avanzada das estradas. Trátase duns premios promovidos pola Comisión Europea e que contan coa participación de administracións, universidades, centros de investigación, industria e representantes das políticas públicas de transporte.

Arias, que é o primeiro investigador galego en recibir este recoñecemento, traballou durante anos en liñas como a monitorado dixital de estradas, o cartografiado móbil, a inspección automatizada, o uso da IA, os xemelgos dixitais, a resiliencia das infraestruturas e os sistemas de apoio á decisión. O galardón foille entregado no transcurso da conferencia de investigación sobre o transporte Transport Research Arena (TRA), celebrada entre os pasados días 18 e 21 en Budapest. A TRA é unha das principais conferencias europeas en investigación e innovación en transporte organizada pola Comisión Europea. Arias participou tamén en dúas sesións especiais vinculadas coa súa traxectoria investigadora: unha delas, centrada na dixitalización e inspección de infraestruturas, IA, apoio á decisión e transferencia tecnolóxica aplicada á xestión viaria. A segunda, focalizada na formación de novos líderes para as autoridades públicas de estradas, na conexión entre investigación doutoral e en necesidades reais do sector.

Un esforzo colectivo

Pedro Arias ve o TRA VISIONS Senior Researcher Award in the Road category como un recoñecemento a moitos anos de traballo, e tamén ao esforzo colectivo do seu grupo de investigación e de estudantes de doutoramento, empresas e institucións cos que tivo a oportunidade de traballar. Tamén de dar visibilidade a ese traballo. Arias, que expresou unha gran satisfacción persoal e profesional, valorou especialmente que o premio recibido fose o da categoría de estradas, pois boa parte da súa carreira estivo orientada a mellorar a seguridade, a eficiencia e a sustentabilidade das infraestruturas viarias.

Coñecemento que dá paso á innovación

O catedrático da UVigo coida que o principal valor deste recoñecemento europeo á súa traxectoria científica é a súa contribución ao futuro do transporte: “no ámbito das estradas, recoñece non só a produción científica, senón tamén a capacidade de transformar coñecemento en innovación, en solucións aplicables e en impacto para a sociedade”, detalla Arias, que tamén destaca a importancia que este premio ten para a Universidade de Vigo, “porque reforza a súa visibilidade internacional nun campo no que Europa está a apostar fortemente: a xestión intelixente, segura, resiliente e sustentable das infraestruturas”.

Máis información

Duvi