Logo dun curso no que a docencia presencial tivo que alternarse coas modalidades mixta e non presencial, este luns botou a andar un novo ano académico na Universidade de Vigo que será eminentemente presencial. “É un curso ilusionante para todos, no que agardo que sigamos sendo todos moi coidadosos para que non se produza ningún gromo dentro da Universidade”, salientou o reitor Manuel Reigosa na súa apertura, ao que engadiu que “aínda que sexa en pandemia, vai a ser un curso bastante máis normal co anterior, xa que agás un par de titulacións que polas súas características específicas aínda van funcionar de xeito mixto, na inmensa maioría das titulacións o grao de presencialidade achegarase nesta ocasión ao 100%”.
Este é o modelo que a Reitoría da UVigo denominou “normalidade adaptada”, aprobado en Consello de Goberno o pasado mes de xullo, unha aposta coa que se busca que o sistema mixto ou non presencial quede reservado para situacións puntuais ou casos localizados de curta duración, derivadas de restricións locais ou por gromos nalgunha dependencia universitaria. “En certa maneira será de novo un curso atípico, porque seguimos con medidas de seguridade, xa que non imos relaxar este aspecto en ningún momento, pero que se afronta con moita máis tranquilidade grazas ao avance da vacinación”, recalcou o reitor, quen fixo fincapé en que a pesares de que toda a universidade española, e moi especialmente a galega, se adaptou a gran velocidade ás novas circunstancias que esixía a pandemia, “todos estabamos a desexar o regreso ás aulas de xeito totalmente presencial”. Así, as únicas excepcións á presencialidade total son grupos grandes de materias obrigatorias e básicas dos graos na Facultade de Educación e Traballo Social; nos grupos teóricos dos graos da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e nos grupos teóricos de 2º e 4º curso do grao da Facultade de Química, así como no Mestrado en Profesorado en Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato, Formación Profesional e Ensino de Idiomas.
As medidas anti-covid que se adoptan nos tres campus atenden ás limitacións fixadas pola Xunta de Galicia, e ás normas sanitarias, establecéndose ocupacións do 50% para bancadas fixas e 1,2 metros para mobiliario non fixo. “Pola nosa banda sempre estamos atentos ao que nos van indicando as autoridades sanitarias e este curso a novidade é que imos ter un aforo menos limitado, o que permite que asista máis xente ás clases”, explicou Reigosa, quen tamén fixo fincapé en que desde a UVigo se seguirán mantendo as probas PCR realizadas mediante pooling por saliva, os códigos QR nas aulas, os procedementos de seguimento dos contaxios que se vaian notificando, etc. “Este ano as condicións son mellores, pero quero insistir en que non imos relaxar en ningún momento as condicións de seguridade e manteremos en todo intre a vixilancia para que ninguén se contaxie nas aulas universitarias”, salientou o máximo responsable da institución académica.
Fonte: DUVI.


