Imaxe: foto de familia da presentación, con Gustavo Zurita e Manuel Caeiro, segundo e terceiro pola esquerda, respectivamente (Duvi)
Presentado un libro pioneiro sobre Design Thinking en contornas híbridas
Está coeditado por Manuel Caeiro, de atlanTTic, xunto a Gustavo Zurita, da UChile
Este luns presentouse no espazo INCUVI da Universidade de Vigo o libro Design Thinking e Acción: Innovación e colaboración na aula híbrida con MIRO, publicado na editorial Aula Magna. Está editado por Manuel Caeiro Rodríguez, investigador en atlanTTic e docente da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación do Campus Vigo Tecnolóxico, e Gustavo Zurita Alarcón, da Universidad de Chile. A obra presenta unha guía práctica para aplicar a metodoloxía Design Thinking en contornas educativas mediante a ferramenta colaborativa en liña MIRO. Trátase dunha metodoloxía creativa de resolución de problemas que dá prioridade á comprensión das necesidades e perspectivas das persoas usuarias para desenvolver solucións innovadoras e eficaces.
Esta nova publicación está dirixida a formadores, orientadores e profesionais da innovación. Conta cunha orientación didáctica e práctica, con recursos e actividades para aplicar na aula. Caeiro explica que a guía está dirixida a facilitar o traballo de instrutores ou orientadores en Design Thinking, con indicacións para levar a cabo cada unha das etapas. Inclúea descrición de varias ferramentas que se poden usar e actividades prácticas para a aula que permiten “aprender facendo”.
Os autores buscan incrementar o número de profesionais da educación que coñecen esta metodoloxía e que a poidan levar ao seu ámbito. Consideran que será positivo tamén para o alumnado, e poderán identificar cuestións clave para o desenvolvemento de proxectos que lles ofrecerán mellores resultados, con solucións máis acaídas.
Funcionamento en contornas en liña
A presentación do libro no espazo INCUVI foi conducida por Maruxa Álvarez, directora da Área de Emprego e Emprendemento da UVigo. Xunto a Caeiro e Zurita participaron algúns dos coautores, como Enrique Costa, Itziar Goicoechea e o ilustrador da obra, Mario Manso.
Tamén interviñeron, en liña, Roberto Álvarez, profesor titular da FEN UChile e Sebastián Arias, subxerente de financiamento de CORFO.
A obra naceu da colaboración entre Caeiro e Zurita tras coincidir nun tribunal de tese no ano 2022. Nese momento decatáronse de que ambos os dous estaban a traballar con Design Thinking. Pero tiñan o problema de como levalo á práctica en contornas en liña e híbridas. Con todo, na UVigo xa se viña traballando nesa temática desde 2015, en proxectos dirixidos por Manuel J. Fernández Iglesias, ademais de impartir cursos de formación do profesorado, segundo lembra Caeiro.
MIRO, plataforma para colaboración en tempo real
Entre os aspectos máis destacados, os editores sinalan o uso da plataforma MIRO como ferramenta de colaboración en tempo real, que permite a participación activa do alumnado en contornas dixitais. A guía inclúe indicacións detalladas para pór en marcha cada parte do proceso, e tamén exemplos de aplicacións en ámbitos diversos, que van do turismo á saúde ou o comercio.
Destacan que MIRO permite visualizar non só o resultado do que fai cada persoa usuaria, como debuxar, organizar ou agrupar, senón ver tamén a situación de cada participante, cuxa posición queda marcada. E permite integrarse con outras ferramentas, como de videoconferencia ou intercambio de ficheiros.
En palabras de Caeiro e Zurita, de entrada o importante é identificar as necesidades máis importantes e definilas con precisión. Eles teñen traballado en casos tan diversos como aeroportos, hospitais, axencias de viaxes ou coidado de persoas maiores. A partir da definición de necesidades trátase de buscar solucións, se ben é necesario volver ás persoas para probar e validar cales son axeitadas.
Para que o Design Thinking funcione é imprescindible a colaboración real e auténtica entre a totalidade de integrantes do equipo. Isto supón un reto en contornas virtuais.
Máis información