Primeiras experiencias en investigación para alumnado da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía

Vigo TecnolóxicoActualidadePrimeiras experiencias en investigación para alumnado da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía
Primeiras experiencias en investigación para alumnado da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía

Logo de catro meses de traballo, un grupo de estudantes de último curso dos graos en Enxeñaría dos Recursos Mineiros e Enerxéticos e de Enxeñaría da Enerxía presentaron a semana pasada os seus primeiros traballos de investigación. Fixérono dentro da materia Proxecto Colaborativo, que  busca achegar o mundo da investigación ao alumnado que está preto de rematar a súa formación. Faino a través de proxectos  colaborativos feitos en grupos sobre temáticas que permitan pór en práctica os coñecementos adquiridos.

Esta é a primeira vez que esta iniciativa, xa desenvolta con anterioridade en centros como a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, se pon en práctica na Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía. O alumnado desta primeira promoción da materia non só expuxo os seus traballos ante un tribunal académico, senón tamén perante o alumnado e o profesorado de Bacharelato STEM do CPR Miralba de Vigo e ante integrantes da comunidade universitaria.

Trátase de tres proxectos sobre desafíos enerxéticos

Nesta primeira edición participaron un total de dez estudantes que presentaron tres proxectos centrados nos “diferentes desafíos actuais do sector enerxético”. Así, os alumnos Pablo Alonso González, Xandre Costas Pérez e Marcos Estévez González encargáronse de desenvolver un proxecto sobre o uso de novos disolventes biocompatibles para a captura de CO2 baixo a supervisión dos profesores Francisco Javier Deive Herva e David Patiño Vilas. O grupo formado por Ana Portas Vasco, Javier Dopico Alfonsín, Martín Brianes Bóveda e Juan Comesaña Cabral traballaron nunha proposta sobre a agroenerxía sostible, cun enfoque integrado con biodixestores, enerxía solar e xestión eficiente da auga nunha granxa. Contaron coa titorización dos profesores Antonio Fernández Otero e Alejandro Molares Rodríguez. O terceiro e último proxecto foi elaborado por Iago Villarino García, Carla Otero García e Diego Costas Moyano, que deseñaron un sistema de detección de ondas de choque/ondada utilizando Arduino, Raspberry ou outro tipo de nanocomputadores. O seu proxecto foi supervisado polos profesores Miguel Ramón González Castro, Manuel Pérez Cota e Ramiro Alberto Varela Benvenuto.

 

Nova orixinal no Duvi.