A tese doutoral de Jorge Parra Gómez, merecedora do I Premio atlanTTic

Vigo TecnolóxicoActualidadeA tese doutoral de Jorge Parra Gómez, merecedora do I Premio atlanTTic
Jorge Parra, primeiro pola dereita, tras recoller o galardón de mans de Manuel Reigosa Roger, reitor da UVigo (Duvi)

Imaxe: Jorge Parra, primeiro pola dereita, tras recoller o galardón de mans de Manuel Reigosa Roger, reitor da UVigo (Duvi)]

A tese doutoral de Jorge Parra Gómez, merecedora do I Premio atlanTTic

O certame rende homenaxe aos profesores e investigadores Manolo Ramos e Fernando Isasi

Jorge Parra Gómez, investigador da Universitat Politècnica de València, foi galardoado co I Premio atlanTTic á mellor tese de doutoramento no ámbito das tecnoloxías de telecomunicación realizada en España. Convocado polo Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo xunto á sección española do IEEE, nesta primeira edición outorga a distinción a unha tese sobre xeración de dispositivos fotónicos. O galardón rende, ademais, homenaxe a Manuel Ramos e Fernando Isasi, docentes e  investigadores de atlanTTic falecidos en 2022 e 2023.

Parra recibiu o premio, dotado con 2000 euros, de mans do reitor, Manuel Reigosa Roger, precisamente na sala Manolo Ramos do edifico Ernestina Otero. O acto tamén contou coa participación da vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio; o director de atlanTTic, Martín Llamas, e a subdirectora do centro, Yolanda Blanco. Reigosa quixo remarcar que este premio “pon de manifesto que o sistema que temos en España de ciencia e tecnoloxía é absolutamente homologable aos mellores do mundo. Resaltou tamén a importancia de celebrar, por unha banda, a excelencia, “algo ao que en España non somos moi dados”, e tamén o recordo a persoas como os profesores Ramos, Isasi e tamén o recentemente falecido José Juan Pazos.

Multiplicidade de aplicacións para os dispositivos fotónicos

Tal e como explicou Parra durante o acto, a súa tese, que foi seleccionada de entre 19 candidaturas, céntrase no desenvolvemento dunha nova xeración de dispositivos fotónicos, esenciais para aplicacións en comunicacións ópticas, computación avanzada, vehículos autónomos e procesamento cuántico da información, entre outras aplicacións. O obxectivo da investigación foi o deseño, fabricación e demostración experimental de dispositivos innovadores. Entre eles, dispositivos con efecto memoria, desfasadores e dispositivos con non linealidade óptica. Os principais resultados amosan avances significativos en miniaturización, capacidade de integración, eficiencia enerxética e ancho de banda, ofrecendo solucións disruptivas respecto ás tecnoloxías existentes.

Graduado en Enxeñaría de Tecnoloxías e Servizos de Telecomunicación (2016), Máster Universitario en Tecnoloxías, Sistemas e Redes de Telecomunicacións (2018),  Máster en Enxeñería de Telecomunicación (2020) e doutor en Telecomunicación (2022), todos pola Universitat Politècnica de València (UPV), Parra foi distinguido con distintos premios polo seu excelente desempeño académico e o seu traballo fin de máster, outorgados por Huawei e o Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación, respectivamente. Desde 2023, traballa como investigador postdoutoral no Centro de Tecnoloxía Nanofotónica da UPV, enfocándose no deseño, fabricación e caracterización de dispositivos fotónicos integrados con funcionalidades avanzadas.

Futura colaboración?

Tanto o reitor como o director de atlanTTic deixaron a porta aberta a futuras colaboracións con este investigador, convidándoo a valorar a posibilidade de realizar unha estancia posdoutoral na UVigo, onde, tal e como lembrou o reitor,  “dispoñemos dun potente laboratorio de comunicacións cuánticas, moi internacionalizado e que agardamos que coloque á nosa Universidade en punta de lanza nestas temáticas, así como cunha nova Cátedra Chip, que tamén nos vai axudar a colocarnos en todo o que ten que ver cos chips fotónicos, e unha iniciativa relacionada co creación dunha fábrica de chips fotónicos na que a Universidade tamén está implicada”.

 

Fuente: Duvi