2,6 millóns de euros e dous anos por diante para deseñar unha solución galega ao reto da descarbonización do transporte marítimo
A idea é reducir o consumo de combustibles fósiles nos barcos no atraque/saída dos portos
Norvento, o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG) e o grupo de investigación Applied Power Electronics Technology do Cintecx, Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais do Campus Vigo Tecnolóxico, presentaron este martes en Lugo o proxecto de investigación Fisterra (Fábrica Intelixente e Sustentable mediante Electrónica de Potencia Avanzada e Realidade Aumentada), unha forte aposta pola innovación público-privada coa que se tratará de achegar unha solución galega ao reto da descarbonización do transporte marítimo.
O proxecto, cofinanciado pola Unión Europea, está dotado con 2,6 millóns de euros, dos que a Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia achega o 60%. Trátase, tal e como se explicou na presentación, dunha iniciativa coa que se busca desenvolver e fabricar desde Galicia un convertedor de electrónica de potencia que permitirá reducir drasticamente o consumo de combustibles fósiles nos barcos durante a súa chegada, atraque e saída dos portos, unha cuestión de elevada importancia dado que o 80% do transporte de mercadorías ten lugar por mar e supón o 15% das emisións anuais de óxido de nitróxeno (NOx) e o 13% das de óxido de xofre (SOx).
Tres socios: Norvento, CTAG e UVigo
O acto de presentación do proxecto, celebrado no edificio CIne de Norvento, interviñeron representantes das tres entidades socias para explicar en que consistirá o seu traballo. Adrián Capelán, subdirector de Tecnoloxía en Norvento, destacou que a empresa encargarase da investigación e creación dun convertedor que incremente notablemente a potencia dos existentes no mercado nos seus centros de fabricación situados en Lugo.
O obxectivo principal da UVigo, cuxas liñas de acción neste proxecto foron explicadas por Daniel Villanueva, director do Campus Tecnolóxico e integrante do grupo de investigación Applied Power Electronics Technology, será o desenvolvemento de estratexias de control para convertedores electrónicos de potencia utilizados en aplicacións de subministración de enerxía eléctrica a barcos cando están en porto. Mediante o uso destas estratexias, preténdese mellorar o rendemento, a robustez, a tolerancia a faltas e a resposta dinámica das instalacións.
O CTAG, segundo detallou Víctor Alonso, director adxunto de Manufacturing & Dixital Transformation da entidade, encargarase da implementación dun xemelgo dixital para o deseño dunha liña de produción que permita a creación de procesos de fabricación desde cero e ver como interactuarán co mundo real simulando distintos escenarios. Desta forma optimízanse tempos e custos e incídese na sustentabilidade, ao traballar desde unha contorna virtual de probas.
O novo sistema estará listo en 2026 e terá aplicacións noutros sectores
O proxecto dividirase en catro fases que se desenvolverán entre 2024 e 2026, dando lugar a diferentes fitos dentro dun proceso iterativo. En primeiro termo, investigarase o estado da arte en convertedores multimegavatio, para alcanzar un consenso común entre os socios do prototipo final esperado. Na segunda etapa crearase un xemelgo dixital e deseñarase o primeiro convertedor de proba, mentres que na terceira fase avaliaranse os casos de uso e implementarase o xemelgo dixital creado no segundo fito. Por último, validarase o prototipo nunha contorna controlada e manufacturaranse os convertedores mediante técnicas de fábrica intelixente.
Aínda que este avance está pensado para o seu uso en transporte marítimo, os seus beneficios poden reverter noutros sectores. O sector enerxético poderá conseguir maior autonomía na subministración e fabricación de elementos críticos no desenvolvemento de proxectos enerxéticos. En particular no ámbito portuario, de produción de hidróxeno verde e o aproveitamento da rede de catenarias para o despregamento de infraestrutura de recarga ultrarrápida en vehículos.
Deseño ultraeficiente para transformar o sector marítimo
Este convertedor ofrecerá características que ata a data non se detectaron no mercado, innovando en electrónica de potencia e manufactura para transformar o sector marítimo e portuario, facendo énfase na sustentabilidade e eficiencia enerxética. Respecto á competencia, a principal novidade da nova serie nGM radicará nun deseño ultraeficiente baseado nun sistema de refrixeración do convertedor, o que mellorará a resposta dinámica para ofrecer arredor do dobre do que actualmente se atopa no mercado. Ao mesmo tempo, incorporará algoritmia punteira para o control de comunicacións do convertedor que reducirán os tempos de resposta, así como funcionalidades adicionais que permitirán as seguintes vantaxes en calquera ecosistema eléctrico: integración de renovables, compensación reactiva e aumento de fiabilidade e estabilidade de rede en ambos lados do convertedor.
Impacto medioambiental e social
A previsión, tal e como se recalcou durante a presentación, é que Fisterra teña un impacto significativo na competitividade do modelo produtivo de Galicia, integrando tecnoloxías industriais innovadoras, como a fabricación avanzada e intelixente nas cadeas de valor, a través do uso de intelixencia artificial, fabricación aditiva e blockchain, e da implantación de tecnoloxías habilitadoras, como a automatización, robótica, visión artificial, machine learning, deep learning ou iOT.
Os resultados do proxecto poderán ser explotados comercialmente no ámbito internacional, o que reduce a dependencia económica do exterior. Ao mesmo tempo Fisterra tamén potenciará a creación de emprego cualificado en Galicia. Segundo adiantaron os seus responsables, espérase que se efectúen sete novas contratacións, sendo todos perfís técnicos de investigación e de fabricación, con preferencia a mulleres con experiencia previa.
Nova orixinal