Imaxe: o proxecto QuantumPUF emprega materiais luminiscentes desenvoltos polo VQCC (Duvi)
QuantumPUF: principios cuánticos e fotónicos para verificar a autenticidade de obxectos e documentos
VQCC é parte deste proxecto Horizonte Europa
A través do Vigo Quantum Communication Center, VQCC, adscrito a atlanTTic, a Universidadade de Vigo lidera un dos paquetes de traballo de QuantumPUF, proxecto europeo que procura artellar mecanismos que ofrezan maiores garantías nos sistemas de autenticación ante o panorama actual: a falsificación de produtos e documentos é un desafío global que afecta a sectores diversos; do farmacéutico ou o alimentario aos bens de consumo. Ademais, as ameazas dixitais están en plena evolución, e os avances en computación cuántica constitúen un novo reto. Precisamente, o paquete de traballo liderado pola UVigo está dedicado aos requisitos de seguridade e á súa implementación práctica, unha das áreas fundamentais do conxunto do proxecto.
Davide Rusca, investigador principal na UVigo, explica que o obxectivo primordial é estudar ata que punto estes novos dispositivos poden ofrecer garantías reais de autenticidade e resistencia á falsificación. QuantumPUF arrancou hai tan só unhas semanas e está coordinado polo Instituto de Telecomunicações de Portugal. Reúne sete socios de Portugal, España, Alemaña, Suíza e Croacia e dispón dun orzamento próximo aos tres millóns de euros, procedentes do programa europeo Horizon Europe, dos cales preto de 300.000 lle corresponden á UVigo.
Aproveitando as características únicas dun obxecto
O nome completo deste proxecto é Portable Readout Quantum Physical Unclonable Functions using Luminescent Materials for Authentication, ou “Funcións físicas non clonables cuánticas de lectura portátil mediante materiais luminiscentes para autenticación”. As características físicas únicas dun obxecto (“non clonables”) pódense aproveitar con eses sistemas para xerar unha identidade difícil de reproducir ou copiar. Para facelo, o consorcio do proxecto deseñará tres tipos de PUF fotónicas: clásicas, con lectura cuántica e plenamente cuánticas. Os dispositivos estarán baseados en materiais luminiscentes, entre eles nanopartículas híbridas orgánico-inorgánicas e complexos baseados en lantánidos, cuxas propiedades ópticas permitirán codificar información a través de características espectrais, espaciais e temporais.
O propósito final é desenvolver solucións que poidan fabricarse mediante técnicas escalables, como a impresión por inxección de tinta, e que, nas aplicacións máis prácticas, sexa posible a lectura mediante sistemas ópticos integrados en teléfonos intelixentes.
Conectando os modelos teóricos de seguridade co comportamento real dos dispositivos
O paquete de traballo (WP) 5, no que traballa a Universidade de Vigo, está dedicado aos requisitos de seguridade e á súa implementación práctica. Avaliaranse as garantías reais de autenticidade e resistencia á falsificación que ofrecen os novos dispositivos. Tamén se desenvolverán metodoloxías para analizar a súa seguridade e identificar posibles vulnerabilidades.
Davide Rusca explica que non é suficiente fabricar un dispositivo difícil de reproducir, senón que hai que definir tamén baixo que condicións ofrece garantías de seguridade e como estas poden verificarse na práctica. O equipo da UVigo colaborará estreitamente cos investigadores do Instituto de Telecomunicações de Lisboa e da Universidade de Xenebra, co obxectivo de integrar a análise da seguridade nas diferentes fases de desenvolvemento das tecnoloxías de autenticación.
A responsabilidade científica dentro do consorcio europeo contribúe á proxección internacional do VQCC e abre novas oportunidades de colaboración interdisciplinaria entre os eidos da ciencia de materiais, as tecnoloxías cuánticas, a fotónica e a criptografía, opina Rusca. QuantumPUF celebrou o seu encontro de lanzamento a comezos de outubro en Lisboa, coa participación dos integrantes do consorcio.
Máis información



