Rebeca Díaz Redondo recunca na dirección da E.E. de Telecomunicación

Vigo TecnolóxicoActualidadeRebeca Díaz Redondo recunca na dirección da E.E. de Telecomunicación
Equipo directivo 2023 de Teleco UVigo
Imaxe: Rebeca Díaz, no centro, acompañada polo resto do equipo directivo: Ana Mª Cao, Pedro Salvador Rodríguez, Pedro Comesaña e Verónica Santalla

A catedrática do Departamento de Enxeñaría Telemática Rebeca Pilar Díaz Redondo, vén de renovar o seu cargo de directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación por outros seis anos. Díaz Redondo, que chegou ao posto en marzo de 2021, obtivo un total de 58 sufraxios a favor dos 85 rexistrados.

Novas titulacións, internacionalización e capacitación

Nesta nova etapa, a subdirección da escola recae en Pedro Comesaña Alfaro, Verónica Santalla del Río e Ana María Cao Paz, mentres que Pedro Salvador Rodríguez Hernández será o secretario. As primeiras prioridades están na culminación da reforma do Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación e o Máster en Enxeñaría de Telecomunicación, cun programa de goberno coa capacitación de alumnado e a internacionalización como eixos.

Unha vez rematada a reforma dos devanditos títulos, o equipo directivo ten como obxectivo os dobres mestrados, combinando o Máster en Enxeñaría de Telecomunicación con outros ofertados no centro, entre eles o Máster en Internet das Cousas e o Máster en Ciberseguridade.

No tocante á internacionalización do centro, este ano asinouse un acordo de dobre titulación entre o Máster en Enxeñaría de Telecomunicación e o Master of Science in Electronics and Telecommunications da Lodz University of Technology, de Polonia. A EET conseguiu tamén dous proxectos Erasmus+KA171: un centrado nos países da zona dos Balcáns occidentais e outro en Palestina. Nesta nova etapa, traballarase para ampliar esta rede de intercambios a países como Exipto e Xordania. A directora destaca o éxito que o Grao de Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación impartido en inglés está a ter fóra do Espazo Europeo de Educación Superior.

Perfil da directora da E.E. de Telecomunicación

Rebeca P. Díaz Redondo é Enxeñeira de Telecomunicación (1997) e Doutora Enxeñeira de Telecomunicación (2002) pola Universidade de Vigo. Catedrática (2020) do Departamento de Enxeñaría Telemática. Desde 2012 desenvolve a súa actividade investigadora no atlanTTic, Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, concretamente no Information & Computing  Lab. O I&C Lab procura avances na analítica de datos , a interconexión de dispositivos e a intelixencia artificial.  Díaz Redondo publicou resultados da súa investigación en máis de 50 revistas internacionais de alto impacto (Q1 e Q2), e tamén participa no programa inspiraSTEAM da Universidade de Vigo. proxecto pioneiro para o fomento da vocación científico-tecnolóxica entre as nenas.

Máis información: Duvi
Perfil en I&C Lab de atlanTTic (inglés)
Perfil PDI da directora