Imaxe: foto de familia do proxecto Reliable, que reúne investigadoras e investigadores de España, Portugal, Alemaña, Montenegro e Bosnia e Herzegovina
Reliable, un proxecto pola transformación dixital da educación superior nos Balcáns Occidentais
Inclúe formación a docentes, IA e unha plataforma en liña
A Universidade de Vigo participa como socia no proxecto europeo Reliable, iniciativa financiada polo programa Eramus+ da Unión Europea que reúne investigadoras e investigadores de España, Portugal, Alemaña, Montenegro e Bosnia e Herzegovina. O seu propósito é a modernización dos sistemas de educación superior dos Balcáns Occidentais mediante a integración da intelixencia artificial (IA) no ensino, a aprendizaxe e os procesos institucionais.
Martín Llamas Nistal, catedrático da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e investigador de atlanTTic, coordina a participación da Universidade de Vigo no proxecto. Completan o equipo os profesores Manuel Caeiro e Fernando Ariel Mikic Fonte, e, ademais, prevese a incorporación de novo persoal investigador ao longo dos dous anos que durará.
O orzamento de Reliable é de 400 000 euros, e está coordinado pola Universidade Internacional de Travnik, en Bosnia e Herzegovina, onde se celebrou a reunión de lanzamento. Completan o consorcio o Instituto Politécnico do Porto, a Fachhochschule des Mittelstandes (FHM) de Alemaña, a Universidade Mediteran Podgorica, a Adriatic University Bar de Montenegro e mais o Banja Luka College de Bosnia e Herzegovina.
Superando desaxustes e metodoloxías tradicionais
Reliable pretende dar resposta aos retos que afrontan moitas institucións de educación superior dos Balcáns Occidentais, coma o predominio de metodoloxías docentes tradicionais, as limitacións das infraestruturas dixitais e o desaxuste entre a formación universitaria e as necesidades do mercado laboral.
O proxecto aposta polo emprego da intelixencia artificial para avanzar cara a unha educación superior máis personalizada, eficiente e adaptada ás necesidades do alumnado. Para iso formúlanse medidas coma o desenvolvemento de sistemas de aprendizaxe baseados en IA, a mellora das competencias dixitais do profesorado universitario, a creación de contornas de aprendizaxe adaptativas ou o reforzo da conexión entre a universidade e o mercado laboral.
Formación e plataforma en liña
O rol da Universidade de Vigo é dobre dentro do proxecto: dun lado, o equipo de Martín Llamas é responsable dunha das accións formativas internacionais, centrada na avaliación con IA, que terá lugar no campus de Vigo o vindeiro decembro. Doutro, tamén se encarga do desenvolvemento dunha plataforma en liña que dará soporte á formación do profesorado das universidades balcánicas no uso destas ferramentas.
Manuel Caeiro explica que pretenden explorar de que modo a IA pode apoiar a avaliación e a retroalimentación no proceso educativo, sempre sen perder o papel central do profesorado. Para iso empregarán IBeA, evolución da plataforma BeA da UVigo para apoiar a avaliación de exames en papel. Esta nova versión incorporará funcionalidades de intelixencia artificial xerativa que permiten automatizar parte da avaliación e xerar propostas de retroalimentación para o alumnado, relata Caeiro.
Reliable inclúe tamén tres accións formativas internacionais. A primeira celebrouse en Alemaña e estivo centrada en ferramentas de apoio pedagóxico ao alumnado, mentres que a segunda será en Vigo este decembro e tratará a avaliación con IA e a aplicación de ferramentas coma iBeA. A terceira e última sesión será no Instituto Politécnico do Porto e centrarase no uso da IA como apoio ao labor docente desde unha perspectiva pedagóxica e administrativa.
Tras completar a formación, o profesorado participante trasladará os coñecementos adquiridos ás súas respectivas institucións, contribuíndo a impulsar a transformación dixital da educación superior nos Balcáns Occidentais.
Máis información



