O proxecto Facendo 4.0 chega á súa fin tras case tres anos de traballo. Desde o seu arranque en setembro de 2020, conseguiu investimentos por valor de 22,3 millóns de euros, implicou a 400 persoas e supuxo ao redor de 800.000 horas de investigación. Esta iniciativa foi liderada por Stellantis en colaboración coa Universidade de Vigo, o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG), Gradiant e AIMEN. O obxectivo marcado foi o deseño do sector da automoción do futuro a través dunha planta máis flexible, sostible e conectada.
O proxecto botou a andar centrado na investigación industrial e o desenvolvemento experimental, coas fins de incrementar a competitividade e reforzar as competencias da automoción galega. Así, Facendo 4.0 permitiu innovar nos procesos produtivos da fábrica de Stellantis Vigo en tres liñas: maior flexibilidade que responda ás necesidades da clientela, mínima pegada de carbono en 2050 e unha factoría conectada que teña mellores prestacións tecnolóxicas.
No acto de peche do proxecto, celebrado este mércores na factoría viguesa, interviron Ignacio Bueno, director de Stellantis Vigo, e Belén Rubio, vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación da UVigo, ademais dos directores xerais de Gradiant, AIMEN e GTAG; Luis Pérez, Jesús Lago e Luis Moreno. Tamén participou Patricia Argerey, directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), organismo a través do cal o proxecto obtivo unha axuda pública de 12,2 millóns de euros cofinanciada con cargo aos fondos Feder da Unión Europea.
O investimento de 22,3 millóns de euros propiciou a posta en marcha dun total de 157 actuacións relacionadas coa Fábrica do Futuro, o Vehículo do Futuro e a Conectividade e as Tecnoloxías da Información.
A vicerreitora de Investigación, Belén Rubio, salientou o traballo dos grupos da UVigo implicados, GTE (Grupo de Tecnoloxía Enerxética), DSE, ENE (Enerxía Eléctrica) e GTI (Grupo de Tecnoloxías da Información), así como dos centros de investigación Cintecx e atlanTTic, dous dos piares do Campus Vigo Tecnolóxico. Achegou tamén datos da participación da UVigo en Facendo 4.0, como o investimento de 500.000 euros e as máis de 20.000 horas de traballo. Tamén supuxo poñer as bases para tres teses de doutoramento que están en curso. A vicerreitora incidiu na “importancia da transferencia nas universidades, que permite trasladar o coñecemento ás empresas e, á vez, ter esa retroalimentación para seguir progresando, neste caso, cara un mundo máis descarbonizados, limpo e interconectado”.
A participación da Uvigo, en dous paquetes de traballo
A participación da Universidade de Vigo centrouse nos paquetes de traballo Fábrica Ecoamigable, no que destacan as actividades relacionadas coa Green Factory e o mantemento preditivo, e Smart Connectivity, con tarefas de automatización e xestión de recursos.
No referente a Green Factory, cuxo obxectivo era evolucionar cara unha fábrica máis sostible, participou o Grupo de Tecnoloxía Enerxética (GTE) do Cintecx, centrado en desenvolver estratexias para reducir o impacto da fábrica sobre o medio ambiente. Así, avanzouse na redución da emisión de compostos orgánicos volátiles a atmosfera, ademais de estudar a posible orixe dos depósitos que aparecen no intercambiador. Tamén se conseguiu reducir o consumo de enerxía primario e as emisións de dióxido de carbono, entre outros estudos. “Comprobouse que, a través destas solucións innovadoras, a evolución da industria cara un modelo máis eficiente, que incorpore melloras e modos de funcionamento máis respectuosos coa contorna, é factible grazas ao aproveitamento dos recursos dispoñibles e á redución do consumo de enerxía”, sinalan responsables da investigación.
No mesmo paquete de traballo relativo á Fábrica Ecoamigable participaron outros equipos da UVigo. Trátase do Grupo de Deseño e Simulación Numérica en Enxeñaría Mecánica, do Cintecx, e o Grupo de Enerxía Eléctrica, EN.E, que se centraron no eido do mantemento preditivo. Dentro da necesidade de aumentar a competitividade dos procesos industriais, o control de mantemento de maquinaria complexa é clave para avaliar a súa optimización. Este equipo puido demostrar que é posible obter datos de consumo eléctrico cunha intervención mínima, non invasiva, capaces de proporcionar información dos procesos individuais. Pódese analizar o consumo de potencia por peza e estudar opcións de optimización de compoñentes de consumo illados.
No que atinxe ao segundo paquete de traballo, Smart Connectivity, levouse a cabo un estudo dos mecanismos que permiten garantir a calidade das conexións. Persoal investigador do Grupo de Tecnoloxías da Información (GTI), de atlanTTic e de Gradiant empregou a técnica do ‘network slicing’ para crear múltiples redes virtuais nunha infraestrutura física compartida. Logrouse avanzar na análise de alternativas e o deseño dunha arquitectura para a unificación de comunicacións con continuidade de sesión. Conseguíronse avances significativos no proxecto, que segundo resumen desde os grupos de investigación, “demostran a capacidade de adaptación e rendemento da rede, o que impulsa o desenvolvemento de solucións de conectividade intelixente en contornas industriais”.
Fonte: Duvi