Representantes do mundo académico, empresarial e sindical analizan o auxe das TIC no eido laboral

Vigo TecnolóxicoActualidadeRepresentantes do mundo académico, empresarial e sindical analizan o auxe das TIC no eido laboral

O tecido produtivo e o mercado laboral están a mudar polo impacto das TIC (Tecnoloxías da Información e as Comunicacións), xerando automatización de procesos, dixitalización, virtualidade ou teletraballo, unha sucesión de transformacións que semellan van confluír nun cambio de paradigma. Para analizar o impacto deste proceso no eido laboral, a Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo acolleu este venres unhas xornadas organizada polas profesoras Emma Rodríguez e Belén Fernández, da Área de Dereito do Traballo e da Seguridade Social. O evento contou coa participación de representantes da empresa privada a través do Clúster TIC Galicia, dos sindicados, da administración e do mundo académico. Por parte do Campus Vigo Tecnolóxico participou Javier Martínez Torres, profesor do Departamento de Matemática Aplicada da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, quen abordou a situación do sector TIC en Galicia e contextualizou a enxeñaría artificial.

As organizadoras do encontro sinalaron que “o cambio de ciclo propiciado pola pandemia, xunto co recoñecemento xeral das eivas das reformas laborais recentes, propicia que dende instancias diferentes se estean lanzando propostas estruturadas de reforma do mercado de traballo”. O que teñen en común todas elas, destaca, é que poñen de manifesto a importancia da intelixencia artificial e as TIC no eido das relacións laborais. En concreto, Emma Rodríguez referiuse ao Programa de Europa Dixital, que pretende acelerar a transformación dixital da economía, a industria e a sociedade europea. A docente puxo o foco en aspectos como “o crecemento intelixente con calidade, competitividade e ciberseguridade” e na fenda de xénero dixital, consecuencia do afastamento constante e crecente das nenas respecto dos estudos tecnolóxicos ou STEM, que se traduce en “segregación profesional, menores salarios e pobreza feminina”. Tamén puxo sobre a mesa o dereito ao descanso ou desconexión e o dereito á información sobre a intelixencia artificial.

Máis información: DUVI.