Road4Safe, liderado polo grupo GeoTech, anticípase aos sinistros de tráfico

Vigo TecnolóxicoActualidadeRoad4Safe, liderado polo grupo GeoTech, anticípase aos sinistros de tráfico
Os membros do consorcio Road4Safe na xuntanza de lanzamento en Vigo

Imaxe: os membros do consorcio Road4Safe na xuntanza de lanzamento en Vigo (Duvi)

Road4Safe, liderado polo grupo GeoTech, anticípase aos sinistros de tráfico

É un proxecto Horizonte Europa con 18 socios de 12 países

O proxecto Road4Safe (Proactive road safety risk prediction through multi-source AI and big data to enable data-driven decisions and interventions, ou “Predición proactiva do risco na seguridade viaria mediante IA de múltiples fontes e big data para permitir decisións e intervencións baseadas en datos”) aséntase na análise masiva de información: combina intelixencia artificial e big data, abrindo novas vías para a prevención de accidentes e a mellora da xestión de infraestruturas. Está impulsado por un consorcio de 18 socios de 12 países liderado polo grupo de investigación GeoTech da Universidade de Vigo.

Tecnoloxía de vangarda para a prevención

O propósito é mellorar a seguridade viaria mediante a predición e prevención de accidentes antes de que estes se produzan, grazas á IA e ao big data, ou macrodatos. Para iso, o proxecto desenvolverá un xemelgo dixital (tamén coñecido como DT, digital twin, pola súa sigla en inglés) do tráfico rodado e da infraestrutura. Esta recreación dixital das condicións reais contemplará datos procedentes de diversas fontes (como vehículos conectados, sensores de infraestrutura, datos ambientais ou históricos) para xerar así predicións de risco en tempo real en mapas de perigos a nivel local e de rede. Haberá dous proxectos piloto complementarios: un en Austria, no que se probarán escenarios críticos en túneles e ramplas de entrada e saída, e outro no Corredor de Biscaia, no País Vasco, que avaliará a predición de riscos a escala de rede. Ao remate do proxecto, as tecnoloxías ofrecerán unha solución integral para a xestión proactiva da seguridade, en consonancia co obxectivo “Visión Cero” da UE.

O catedrático Pedro Arias é o investigador principal do proxecto, e explica que dentro da súa aposta pola prevención dan prioridade a estradas secundarias e tramos de transición, como accesos e saídas de autovías ou túneles, onde as diferenzas de velocidade e uns estándares de deseño máis baixos aumentan a gravidade dos accidentes.

Réplica virtual co apoio dos macrodatos e a intelixencia artificial

Pedro Arias sinala que, mentres que actualmente a xestión da seguridade viaria é maiormente reactiva (actúase sobre puntos nos que xa se teñen producido accidentes), este proxecto pretende anticiparse aos sinistros. Para iso, empregarase esa réplica virtual ou “xemelgo dixital” que se alimentará de moitas fontes, incluíndo vehículos conectados, información meteorolóxica, imaxes de satélite, cámaras ou LiDAR.

A IA servirá de axuda para integrar e depurar os datos, que adoitan estar moi fragmentados e en formatos diferentes. Tamén será útil á hora facer predicións a dúas escalas: mapas de risco de toda a rede e predicións en tempo real para un tramo concreto. Así se podería, por exemplo, anticiparse a retencións nun túnel ou avisar dun risco de colisión. A IA poderá propor recomendacións, relativas por exemplo á regulación de accesos ou límites de velocidade, e simular o seu efecto no xemelgo dixital antes de aplicalas.

Máis dunha ducia de socios beneficiarios

A Universidade de Vigo coordina un total de 18 socios de 12 países, dos que cinco son asociados (dúas entidades estadounidenses, dúas australianas e unha de Singapur). Entre os 13 socios beneficiarios (que gozan de orzamento), as universidades da Coruña, Chemnitz, Delft e Queensland e empresas destacadas das tecnoloxías aplicadas ao transporte, coma a británica HAAS Alert e a húngara Commsignia, que destacan en vehículos, ou as españolas Cemosa e Xouba Ingeniería, centradas nas infraestructuras.

O proxecto arrincou oficialmente a finais do pasado mes cunha xuntanza en Vigo e está financiado polo programa Horizonte Europa da Comisión Europea. Ten unha duración de 42 meses e un orzamento superior os 5 millóns de euros, dos que uns 862.000 € corresponden á UVigo.

Máis información

Duvi