Sentida homenaxe ao profesor José Juan Pazos Arias

Vigo TecnolóxicoActualidadeSentida homenaxe ao profesor José Juan Pazos Arias
Acto en memoria de José Juan Pazos Arias

Na imaxe, a muller e os fillos de José Pazos; a directora da EET, Rebeca Díaz Redondo; o presidente da RAGC, Juan Manuel Lema Rodicio; e o reitor Manuel Reigosa Roger (Duvi)

Sentida homenaxe ao profesor José Juan Pazos Arias

Plantouse unha oliveira e instalouse unha placa na súa lembranza

A Universidade  de Vigo e a Real Academia Galega de Ciencias celebraron o pasado xoves na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación unha homenaxe in memóriam a José Juan Pazos Arias. Pazos Arias, profesor da EE de Telecomunicación e investigador de atlanTTic, era catedrático de Enxeñaría Telemática e membro numerario da Real Academia Galega de Ciencias. O seu falecemento o pasado mes de decembro deixou un inmenso baleiro, tal e como se puido comprobar no transcurso do acto.

En presenza da súa muller e os seus fillos, o reitor, Manuel Reigosa Roger; o presidente da RAGC, Juan Lema Rodicio; a directora da escola, Rebeca P. Díaz Redondo, e o académico e profesor emérito da UVigo, Pedro Merino, dedicaron sentidas palabras a Pazos Arias. “A súa é unha pegada importantísima e, polo tanto, mentres nós esteamos vivos non vai ser esquecido. Formará sempre parte de nós a nivel persoal e tamén institucional”, subliñou o reitor, “foi un dos bos e xenerosos que apostaron por facer da nosa unha sociedade mellor”.

Durante o acto tomaron a palabra Martín López Nores, un dos seus máis directos colaboradores, catedrático de Enxeñaría Telemática e ex-alumno de Pazos. Con emoción contida foron tamén as verbas do catedrático Fernando Pérez, ex-alumno, amigo e padriño no seu ingreso na RAGC, e as do director de atlanTTic, Martín Llamas, “con quen compartiu os tempos sempre heroicos de nacemento da escola”, tal e como lembrou Pedro Merino.

Traxectoria

José Juan Pazos Arias estudou Enxeñaría de Telecomunicación (especialidade de Telemática) na Universidad Politécnica de Madrid (UPM). Tras un breve paso pola empresa, en 1988 aceptou o desafío de regresar á súa terra e comezar a aventura de dar forma á Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo (ata 1990 dependente da Universidade de Santiago de Compostela), que iniciaba a súa andaina. Contribuíu ademais a poñer os cimentos do futuro Departamento de Enxeñaría Telemática ―do que foi o seu primeiro director―, xunto a varias materias da especialidade.

Logo de doutorarse pola UPM en 1995, fundou o Grupo de Servizos para a Sociedade da Información da Universidade de Vigo. O seu intenso esforzo investigador no campo dos sistemas de recomendación automática, labor á que dedicou a maior parte da súa carreira, traduciuse nun bo número de publicacións en congresos e revistas internacionais, varias teses doutorais dirixidas, proxectos a nivel nacional e europeo, e unha significativa colaboración co mundo empresarial, o que lle fixo merecedor da Cátedra de Enxeñaría Telemática.

Personalización de servizos dixitais

López Nores destacou a preocupación do homenaxeado polo uso que se lle podía dar ás crecentes ordes de magnitude que se ían alcanzando en capacidades de almacenamento e de cómputo, velocidades de transmisión de información… “De aí que chamase ao seu grupo ‘Servizos para a Sociedade da Información’, xa que todo iso tiña que poñerse ao servizo da sociedade. Tivo a lucidez de  identificar o potencial de combinar conceptos e tecnoloxías incipientes como eran as dos sistemas recomendadores e a Web Semántica”.

O seu traballo no campo da personalización dos servizos dixitais foi recoñecido co seu ingreso na Real Academia Galega de Ciencias en 2016. Fernando Pérez lembrou que “en 2015 tiven a oportunidade de nomear a Jose como candidato a formar parte da RAGC. Á vista do seu brillante currículo, a miña proposta foi acollida moi favorablemente. No seu discurso de ingreso, titulado Crecemento exponencial da información. Do Big Data ao Small data, ilustrounos sobre como cada vez se facía máis difícil navegar no océano de información e como ao mesmo tempo se abría a oportunidade de desenvolver novas ferramentas baseadas en intelixencia artificial para recomendar contidos aos usuarios”.

Máis información

Duvi

Real Academia Galega de Ciencias