Só o 18% das persoas tituladas no eido da ciberseguridade son mulleres

Vigo TecnolóxicoActualidadeSó o 18% das persoas tituladas no eido da ciberseguridade son mulleres

Catro expertas achegaron a súa experiencia na Xornada “Mulleres e Ciberseguridade”

Nunha sociedade cada vez máis tecnolóxica, a ciberseguridade consolídase como un sector esencial que demanda constantemente profesionais especializados, con cifras oficiais que prevén que só en España se van necesitar 80.000 profesionais deste eido nos vindeiros anos. Sen embargo, os avances na dixitalización non van acompañados da redución da desigualdade de xénero no campo da ciberseguridade, cunha baixa presenza de mulleres tanto no mercado laboral como nas titulacións tecnolóxicas de acceso, copadas polos homes. Para visibilizar ás mulleres que si apostaron por esta profesión, o campus acolleu este mércores a Xornada “Mulleres e ciberseguridade”, unha iniciativa organizada por Ana Fernández Vilas, directora do Mestrado Interuniversitario en Ciberseguridade (Munics), e polo profesor do Departamento de Enxeñaría de Sistemas e Automática e coordinador do título propio de Especialista en Ciberseguridade Industrial, José Ignacio Armesto. O encontro permitiu que catro expertas neste campo compartiran as súas motivacións e experiencias ao longo do seu percorrido profesional, e analizaran as causas desta fenda de xénero e as posibles solucións.

O acto de apertura, que se celebrou no edificio Miralles, contou coa presenza do reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, e da directora de Amtega, Mar Pereira. A xornada, realizada en modalidade presencial e online, foi moderada pola profesora Ana Fernández, coordinadora xeral do Munics da Universidade de Vigo, e contou coa participación de Sara García Bécares, responsable do Diagnóstico de Talento en Ciberseguridade do Incibe, Instituto Nacional de Ciberseguridade; Esther Mateo, directora xeral de Seguridade, Procesos e Sistemas Corporativos de ADIF; Belén Pérez, CISO de Grupo Nueva Pescanova, e egresada da Universidade da Coruña e Susana Rey, da oficina DPO do Grupo MasMovil.

O reitor felicitou ás persoas organizadoras por un evento “extraordinariamente interesante” que permite analizar “o déficit de igualdade nas carreiras STEM”. Pola súa banda, a directora de Amtega recalcou que “ante unha revolución dixital como a que estamos a vivir, é unha obriga da sociedade que as mulleres xoguen un papel activo en igualdade de condicións e que acheguen o seu talento” para construír “un contexto dixital seguro e confiable para as persoas e para as empresas”. Mar Pereira lembrou que no sector TIC europeo “só tres de cada dez persoas son mulleres e, en España, isto redúcese á metade” e “é unha perda de talento para esta revolución tecnolóxica que temos por diante”.

Só o 18% das persoas tituladas en ciberseguridade son mulleres

Na súa intervención, Sara García, responsable do Diagnóstico de Talento en Ciberseguridade do Incibe, explicou que existe unha carencia, en xeral, de profesionais neste campo. “Agora mesmo farían falta preto de 25.000 profesionais en España e esas cifras van seguir crecendo porque non somos quen de formar tantos profesionais”, pero nestas titulacións tecnolóxicas as mulleres son minoría, como se recolle no Análise e Diagnóstico do Talento en Ciberseguridade en España, un informe elaborado por Incibe e ONTSI e presentado a pasada semana. As cifras son claras: só o 18% das persoas tituladas en ciberseguridade son mulleres, “pero se atendemos a perfís mixtos, como dereito e ciberseguridade, esa proporción increméntase ata case o 50%, polo que vemos que as mulleres están aí pero non lles chaman suficientemente as titulacións estritamente técnicas”. A parte boa, explicaba García, “é que estamos reducindo a fenda, xa que a porcentaxe de mulleres que optaron por estudar carreiras STEM aumentou 5 puntos porcentuais en 5 anos, pasando dun 24% de mulleres matriculadas no curso 2016-17, ao 29% en 2019-20. O mesmo sucede a nivel profesional, hai 5 anos eramos un 15%, agora estamos sobre o 30%”. Con todo, recoñecía, esa porcentaxe redúcese bastante nos postos máis tecnolóxicos e nos de dirección.

A clave está na infancia

Sobre as causas desta desigualdade, as catro expertas compartiron en que son múltiples e diversas, como unha educación sen referentes femininas, o descoñecemento sobre as oportunidades laborais, os estereotipos sobre a profesión e o mundo hacker, ou o medo a enfrontarse a un sector masculinizado.

As catro participantes no debate coincidiron en que o punto de inflexión para mudar esta situación está na infancia, “cómpre traballar nos colexios, nas familias; na universidade é xa tarde para xerar vocacións”. Para isto, varias das participantes traballan en programas de mentorización, como o InspiraSteam da UVigo, para tratar de descubrir estas profesións entre as máis cativas. “As nenas non poden elixir algo que non coñecen, e existe un gran descoñecemento desta profesión e moitos estereotipos arredor dela”, explicaba Belén Pérez.

As relatoras tamén incidiron en desmitificar a dificultade das enxeñarías. Lembraba Belén Pérez como as mulleres eran maioría na Facultade de Informática de Sevilla, situación que se reverteu automaticamente cando o centro pasou a chamarse Escola de Enxeñaría Informática. “Temos que amosarlles ás nenas que son tan capaces como os demais”, recalcaba, ao que Esther Mateo engadía que “as mulleres afrontan retos complicadísimos que asumen con naturalidade, pero ás enxeñarías púxoselles unha etiqueta” que cómpre eliminar. Tamén recalcou que no sector sanitario as mulleres representan o 90% do persoal, “pero non somos capaces de trasladar a idea de que en ciberseguridade tamén se cura, doutros virus e con outras medicinas, pero é tan potente e tan útil para a sociedade como a medicina”.

Fonte: DUVI.