Solucións tecnolóxicas para o mundo que nos rodea nos LPRO Days 2024

Vigo TecnolóxicoActualidadeSolucións tecnolóxicas para o mundo que nos rodea nos LPRO Days 2024
O equipo de Lembra Pill, no Verbum

Imaxe: o equipo de LembraPill no Museo Verbum (Duvi)

Solucións tecnolóxicas para o mundo que nos rodea nos LPRO Days 2024

O alumnado de Enxeñaría de Telecomunicación vén de presentar as súas propostas no Museo Verbum

De novo as enxeñeiras e enxeñeiros que rematan o grao en Enxeñaría de Telecomunicación na escola viguesa tiveron a oportunidade a semana pasada de mostrar ao público as solucións tecnolóxicas que idearon.

Expuxéronse 14 proxectos desenvoltos en equipos de 4 e 5 estudantes. Cada equipo estivo titorizado por dous docentes nesta actividade coordinada polo profesor Manuel Caeiro. Son proxectos que, en palabras de Caeiro, “amosan o amplo abano de campos nos se  aplican as tecnoloxías da Enxeñaría de Telecomunicación e a formación que se ofrece nesta escola”. Destacaron proxectos sobre o Internet das Cousas (IoT, Internet of Things) e de asistencia a persoas con diversidade funcional, ademais de “proxectos moi de Telecomunicación”, como os que avalían o espectro radioeléctrico, os que fan seguimento das sinais de posicionamento dos barcos ou de temáticas tan variadas como música, espectrometría, xestión de almacéns e máquinas expendedoras.

O xoves amosaron os proxectos á comunidade universitaria, na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación. O venres os LPRO Days trasladáronse ao Museo Verbum, na Avenida de Samil, onde só en horario de mañá contaron coa visita de máis de 250 estudantes de seis institutos de Vigo e a súa contorna. Á tarde a visita foi libre para calquera persoa que quixo achegarse a ver estas interesantes propostas.

Tecnoloxía aplicada a diversos ámbitos

Entre os proxectos presentados estivo e-Horta, unha aplicación que facilita o control a distancia de hortas ou invernadoiros atendendo a distintos parámetros e facilitando o autocultivo e un mellor aproveitamento dos recursos naturais. Dentro das utilidades para o ámbito agrogandeiro tamén se presentou MuuundoGando, para a xestión de pequenas granxas. Esta ferramenta almacena e procesa os datos de posición do gando para poder optimizar as zonas de pastoreo e facer suxestións mediante intelixencia artificial.

Pola súa banda, Insa é un innovador sistema de xestión de inventarios para PEMES, con realización de pedidos en tempo real para manter niveis óptimos de existencias e SVAIS un sistema para a mellora da seguridade marítima.

Entre as utilidades centradas no ámbito sanitario e asistencial que se presentaron están LembraPill, dispensador automático e personalizable de pastillas; Echovision, que  mediante intelixencia artificial de análise de imaxe aporta descricións auditivas para persoas con dificultade de visión, ou SafeWChair, que detecta caídas en cadeiras de rodas.

 

A xornada rematou cun acto de clausura ―no que interviron Rebeca Redondo, directora da Escola, Manuel Caeiro, coordinador dos LPRO Days, e Abel Caballero, alcalde de Vigo― e a entrega de premios, outorgados polas empresas colaboradoras de ConexiónTeleco. Así, LembraPill recibiu o premio de Optare Solutions, e-Horta o premio de Gradiant, SafeWChair o de CTAG (Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia), Vixion o de Marine Instruments e SVAIS foi distinguido por Quobis.

LPRO, Laboratorio de Proxectos, é unha materia obrigatoria do segundo cuadrimestre de 4º curso do Grao en Enxeñaría de Telecomunicación na que o alumnado aborda proxectos interdisciplinares. No equipo deben estar representadas, polo menos, dúas das catro Mencións do Grao de Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación e os dous membros do profesorado, que deben pertencer a departamentos diferentes, para enriquecer e facilitar sinerxías entre áreas de traballo. As problemáticas propostas están normalmente vencelladas a unha empresa ou institución externa coa que o equipo traballa para definir a mellor solución viable.

 

Máis información

Duvi
EE de Telecomunicación