Imaxe: un instante do foro The Mind Guardian: tecnoloxía e prevención (Duvi)
The Mind Guardian suma máis de 5000 probas de deterioración cognitiva no seu primeiro ano
Permite o cribado inicial sen saír da casa
O pasado martes persoal investigador en Tecnoloxías da Telecomunicación de atlanTTic, centro de investigación do Campus Vigo Tecnolóxico, participou en Madrid na celebración do primeiro aniversario de The Mind Guardian, a aplicación baseada en intelixencia artificial para detectar sinais de deterioración cognitiva. Foi desenvolta por persoal do centro en colaboración con Samsung Iberia.
Este software, presentado en 2025, representa un avance no eido da saúde dixital, pois permite unha autoavaliación da capacidade memorística sen saír de casa a través dun sistema “gamificado” e accesible. Está dirixido a persoas a partir de 55 anos sen síntomas evidentes, e foi desenvolvido logo dunha década de investigación. Combina probas cognitivas tradicionais con técnicas de intelixencia artificial e aprendizaxe automática para conseguir unha precisión próxima ao 97%.
Nos máis de 5000 tests realizados mediante a aplicación durante este último ano, detectou sinais de deterioración cognitiva nun 5% dos casos.
Seguindo unha liña de investigación multidisciplinar
A orixe deste proxecto está nunha liña de investigación inaugurada en 2014 por un equipo multidisciplinar das universidades de Vigo e de Santiago de Compostela. Centrouse na combinación de “gamificación” e de intelixencia artificial para avaliar a memoria e a detección precoz de demencias. Partindo destes traballos programouse unha batería de videoxogos capaces de analizar diferentes tipos de memoria e que serviron como base para The mind guardian.
Segundo datos da Sociedad Española de Neurología, máis da metade da poboación descoida hábitos clave para a saúde cerebral e ata un 40% dos casos de alzhéimer podería previrse. Este é o contexto no que The mind guardian pon o foco na importancia da prevención e no acceso a ferramentas que faciliten a detección temperá.
Ante unha maior incidencia, máis prevención
Con motivo deste primeiro aniversario da aplicación, organizouse o foro The mind guardian: tecnoloxía e prevención. Nel participaron especialistas de distintos ámbitos xunto a integrantes de atlanTTic para abordar factores como a alimentación, o sono, o exercicio físico, a estimulación cognitiva ou a xestión emocional.
A el acudiu Manuel Fernández Iglesias, catedrático da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo, quen precisou que a aplicación orienta, pero non fai diagnose clínica. Aínda que non substitúe a esta última, a súa precisión próxima ao 97% significa que é útil nun primeiro cribado. Así pois, o seu valor reside na axuda á hora de actuar antes e achegar a prevención a un maior número de poboación.
Pola súa banda, Elena Fernández, directora de marketing de Samsung Electronics Iberia, sinalou que o sentido de The mind guardian está xusto na accesibilidade á prevención da saúde cerebral; en que máis persoas “poidan dar un primeiro paso antes de que apareza a preocupación”. Ademais, o doutor Jesús Porta-Etessam, neurólogo e presidente da Sociedad Española de Neurología, falou da incidencia das enfermidades neurolóxicas, que vai en aumento, e de aí o fincapé na prevención. Puxo sobre a mesa que máis do 90% dos ictus e ata o 40% dos casos de alzhéimer poden previrse con hábitos cerebro-saudables.
Segundo os datos de uso, a maior parte das persoas usuarias de The mind guardian están en idades entre os 55 e os 69 anos, xusto a franxa de poboación á que se dirixe a utilidade.
Máis información



