A transición de 5G a 6G, protagonista en atlanTTic

Vigo TecnolóxicoActualidadeA transición de 5G a 6G, protagonista en atlanTTic
Organización e participantes na xornada sobre 6G en atlanTTic

Na imaxe: organización e participantes na xornada sobre 6G en atlanTTic. No centro: Martín Llamas Nistal (Duvi)

A transición de 5G a 6G, protagonista en atlanTTic

Unha xornada puxo de relevo as vantaxes da vindeira tecnoloxía en redes móbiles

O Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación do Campus Vigo Tecnolóxico, atlanTTic, celebrou no día de onte a xornada “Do 5G ao 6G: avances, desafíos e oportunidades”, que contou con diversos expertos e expertas que debateron sobre a transición da tecnoloxía 5G á futura era 6G. Os fundamentos e características do 6G, o estado actual do despregamento 5G ou o impacto da intelixencia artificial nas futuras redes de comunicacións foron algunhas das cuestións abordadas na sesión, inaugurada polo director de atlanTTic, Martín Llamas Nistal, quen subliñou o compromiso do centro coa investigación e a innovación.

Trala presentación de Martín Llamas, os investigadores de atlanTTic e docentes da Escola de Enxeñaría Telecomunicación, Ana Vázquez Alejos e Felipe Gil Castiñeira, ofreceron unha charla introdutoria e deron paso ás presentacións de varios profesionais en tecnoloxías 5G e 6G, tanto do ámbito académico como do empresarial.

Demostración das fortalezas da tecnoloxía 6G

A xornada continuou cunha mesa redonda moderada por Ana Vázquez Alejos, organizadora da xornada. Nela participaron Carles Antón-Haro, director de Programas europeos e Contratos industriais en CTTC (Centre Tecnològic de Telecomunicacions de Catalunya); Joerg Widmer, profesor e director de investigación en IMDEA Networks España; Alejandro Alonso Portero, experto en Innovación Tecnolóxica e Evolución de Rede de Telefónica; e Germán Martín, application Engineer de Rohde & Schwarz España.

Entre os beneficios da tecnoloxía 6G, que se amosaron en casos de uso específicos, están unha menor latencia, que permitirá a comunicación en tempo real entre dispositivos; o uso de novas bandas do espectro ou o aumento da cobertura, ademais dunha gran robustez da rede.

Unha contorna integral de investigación en redes

As comunicacións 5G e 6G conforman unha das áreas estratéxicas de I+D de atlanTTic, que desde 2010 conta co 5G & 6G Communications Laboratory. Este laboratorio está dotado dunha rede privada 5G SA (Stand Alone) e dun amplo conxunto de ferramentas e instrumental de apoio á experimentación.

Nos últimos anos, este espazo tivo un papel fundamental na innovación tecnolóxica. Compleméntase con outros laboratorios especializados en deseño de antenas beamforming, RIS, deseño e ensaios electromagnéticos, e conxuntamente conforman unha contorna integral de investigación, que abrangue do deseño á posta en marcha e proba de tecnoloxías de rede avanzadas.

Máis información

Duvi

atlanTTic