Un artigo centrado na Pena do Equilibrio, premio internacional Giovanni Barla 2023

Vigo TecnolóxicoActualidadeUn artigo centrado na Pena do Equilibrio, premio internacional Giovanni Barla 2023
Os dous investigadores da UVigo canda a Pena do Equilibrio

Imaxe: os dous investigadores da UVigo canda a colegas e estudantes internacionais xunto á Pena do Equilibro (Duvi)

Un artigo centrado na Pena do Equilibrio, premio internacional Giovanni Barla 2023

O estudo publicouse na revista Rock Mechanics and Rock Engineering

Os profesores da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía Leandro R. Alejano Monge e Ignacio Pérez Rey, investigadores do CINTECX, o Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais do Campus Vigo Tecnolóxico, acaban de ser distinguidos co Premio Giovanni Barla ao mellor artigo de 2023 publicado na revista Rock Mechanics and Rock Engineering. O estudo, titulado A New Insight into the Stability of Precariously Balanced Rocks, afonda no estudo de estruturas xeolóxicas singulares, coma a chamada Pena do Equilibrio, unha pedra granítica de grandes dimensións situada na parroquia de Arcos do Concello de Ponteareas.

O traballo é froito dunha colaboración entre a Universidade  de Vigo, o Laboratorio de Xeotecnia do CEDEX (Centro de Estudos e Experimentación de Obras Públicas, dependente do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible) e a Universidade de Tecnoloxía e Economía de Budapest (Budapesti Műszaki és Gazdaságtudományi Egyetem), en Hungría. Canda a Alejano e Pérez Rey, son autores do artigo Mauro Muñiz, do CEDEX, e outros tres investigadores da universidade húngara, entre eles Gábor Domokos, un dos maiores expertos internacionais no estudo e resolución de problemas de equilibrio de corpos complexos.

Os investigadores da UVigo levan anos con esta liña de traballo, e de feito Leandro Alejano dirixiu en 2019 a tese de doutoramento do propio Ignacio Pérez que xa tiña este mesmo obxecto de estudo. Esta tese recibira, ademais, unha mención honorífica por parte da Sociedade Española de Mecánica de Rochas.

Estudo internacional arredor dun expoñente do patrimonio xeolóxico da rexión

“Recibir agora este novo premio, unido ao feito de que un grupo de relevancia como o comandado polo profesor Domokos tivera interese nel, é un bo indicativo de que na Universidade de Vigo e en institucións españolas como o CEDEX se realiza investigación de calidade”, explica Ignacio Pérez Rey, quen salienta que o premio outorga “un claro recoñecemento a unha paisaxe que temos moi preto de nós e impulsa a súa conservación como elementos do patrimonio xeolóxico da rexión”.

O traballo consistiu en analizar novamente e validar doutro xeito os cálculos de estabilidade presentados inicialmente na tese de Pérez Rey, engadindo dous novos mecanismos de potencial inestabilidade ao problema en cuestión: a consideración da rotación do penedo e a rotura do material na superficie de contacto onde está apoiado.

Grazas á natureza granítica de gran parte de Galicia, existen numerosos exemplos de bolos graníticos susceptibles de ser estudados. Entre outros exemplos, fan referencia ao penedo das Fatigas, na comarca da Limia, en Ourense, ou os penedos de Pasarela e Traba, na Coruña.

Dado o éxito da colaboración, os tres grupos están xa a formular a continuación destes estudos con aplicacións a outras estruturas xeolóxicas singulares situadas en Galicia e na Pedriza do Manzanares, no Parque Nacional Sierra de Guadarrama, en Madrid.

Máis información

Duvi
CEDEX
BME